O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Un museo do exilio en perigo de extinción.

Clara Reigosa Lombao

   Durante a Guerra Civil e o franquismo, Galicia sufriu unha forte represión que obrigou ao éxodo a un gran número de persoas, especialmente aos países de América Latina, con Arxentina como principal receptor. Isto permitiu que Galicia se identificara nestes momentos en dous espazos distintos: a Galicia interior, na que a sociedade quedou reprimida baixo o réxime; e a Galicia exterior, formada polos inmigrantes e que foi fundamental para a continuación da arte e da cultura galega durante a ditadura e, sobre todo, a permanencia e recuperación desta coa chegada da democracia.

Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo no Castro (1969). Fotografía de Eduardo Blanco Amor. Fonte: https://ohceramics.net/

   Os contactos entre a Galicia interior e exterior foron fundamentais para os fundadores do Museo Carlos Maside: Isaac Díaz Pardo, que permaneceu en Galicia, e Luis Seoane, emigrado a Arxentina. Malia que xa se coñecían, a súa relación consolidouse coa primeira viaxe de Díaz Pardo a Bos Aires nos anos 50. Viaxaba a Arxentina porque era consciente da carencia de referencias culturais que había na Galicia interior, e quería restablecer as conexións cos artistas da diáspora. A partir dese momento, o interese de ambos pola recuperación da memoria histórica e a identidade cultural de Galicia apréciase na súa relación epistolar, onde se pode ler o xerme para a creación do Museo, inaugurado en maio de 1970 no Castro de Samoedo (Sada).

   Mais o Museo non nacera de repente. Díaz Pardo iniciara en 1949, no mesmo lugar onde se abriría o Museo, un taller cerámico que retomaba as ideas da fábrica de Sargadelos do século XIX, e co que quería recuperar a identidade cultural e o progreso industrial daquela iniciativa da Mariña lucense. En Arxentina, Seoane coñecía e estudaba diferentes propostas culturais e museolóxicas que vislumbraban a creación dun centro de arte para Galicia. Con estas ideas, ámbolos intelectuais crearon en 1963 o Laboratorio de Formas de Galicia, un proxecto industrial, editorial e museístico que quería reunir no complexo de Sada un centro cultural de vangarda similar á Bauhaus alemá.

La Voz de Galicia (19-05-1970)

   O Museo naceu sen obra propia, e a súa colección baseouse nas doazóns e depósitos dos fundadores e dos propios artistas exiliados, que apoiaban a idea e o discurso que se propoñía: a recuperación do pasado histórico e cultural de Galicia e o retorno artístico da obra dos galegos exiliados. Recibiu o nome de Carlos Maside porque na súa persoa se recollía un período de produción artística comprometida co momento social e político, pero tamén porque Maside representaba o inicio do Movemento Renovador[1]. Así, podemos considerar o Museo Maside como un museo do exilio, aínda que non existe esa tipoloxía de museo, e moito menos naquel momento podía adquirir esa connotación.

   Na transición democrática predominou o silencio e as reconciliacións políticas, o que imposibilitou a análise dos conflitos acontecidos no franquismo. A falta de leis e políticas culturais da memoria impediron que os artistas do exilio se incoporasen aos discursos expositivos dos museos de arte contemporánea. Cando se comezaron a crear museos dedicados ao exilio, xa nos anos 90, estes estaban enfocados a un único artista e ubicábanse no seu lugar de orixe, a modo de homenaxe a quen fora un dos seus veciños[2]. O Museo Carlos Maside foi pioneiro pola data na que se creou, 20 anos antes que estes museos, pero tamén porque propoñía un discurso xeracional e non só creaba unha institución na que se homenaxeara aos artistas do exilio, senón que quería ser, e foi, un centro de estudos, investigación e recuperación da cultura do pasado.

   Incluso hoxe en día presenta un discurso innovador, 50 anos despois, tendo en conta que, por exemplo, o Museo Reina Sofía só lle dedica unha sala á arte do exilio (206, Surrealismo en el exilio español), na que se fai un esforzo por presentar a varios artistas desta xeración nunha mesma linguaxe estética. Cométese o erro de considerar que o punto de conexión entre eles é estético, cando en realidade estes artistas non están unidos polo estilo, senón pola súa condición de exiliados[3].

   Pero como museo ligado a unha iniciativa privada, a súa estabilidade depende da flutuación económica da empresa, o grupo Sargadelos. Nos anos 80, a auxe que vivía permitiu a construción dun edificio ex profeso encargado ao arquitecto Andrés Fernández-Albalat, vangardista na súa concepción museolóxica e con claras referencias ás Maisons de la Culture francesas dos anos 60. O 2012 foi o peor momento para a empresa e, por ende, para o museo, co falecemento de Isaac Díaz Pardo. O edificio e as coleccións quedaron desatendidas, e o museo deixou de estar aberto ao público de forma permanente.

A nova planta do Museo deseñada por Andrés Fernández-Albalat. Fonte: http://museos.xunta.gal/es/carlos-maside

   Dende o ano 2010, diferentes iniciativas por parte dos partidos políticos, a administración local ou a propia empresa, pedíronlle ao goberno autonómico a declaración do museo como BIC (Ben de Interese Cultural). Finalmente, en marzo de 2018, a Xunta de Galicia anunciaba o inicio dos estudos previos necesarios para proceder á incoación do museo como BIC.

  É este un museo do exilio pouco coñecido e recoñecido, marcado pola política. A política franquista que levou ao exilio aos artistas que hoxe forman a colección do museo, a política cultural deseñada polos seus fundadores; e a política cultural actual que pode protexer, co paraugas do público, un patrimonio que aínda que en mans privadas, é de toda a sociedade.

Referencias

[1] Coñécese como Movemento Renovador ao grupo de artistas “Os Novos”, que nos anos 30 do século pasado estableceron novos modelos estéticos que adoptaron as linguaxes da vangarda e romperon co academicismo da arte galega precedente. Este Movemento é o que ten máis representación no Museo, xa que foron estes artistas os que se tiveron que exiliar e continuar coa sua produción artística nos países receptores.

[2] Exemplo destes museos son a Fundación e Museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela, ou o Museo Esteban Vicente de Segovia, entroutros moitos.

[3] Real López, Inmaculada, El Museo Gallego de Arte Contemporánea Carlos Maside (Gijón: Trea, 2018), 51.

Bibliografía

Cegarra, Basilio. Atlas arte: Galicia. Vigo: Nigra, D.L., 1995.

Díaz Martínez, Manuel (trad.). “El movimiento renovador del arte gallego”. Espejo de paciencia, núm. 4 (1998): 37-39.

Real López, Inmaculada. El Museo Gallego de Arte Contemporáneo Carlos Maside. Gijón: Trea, 2018.

Vázquez Varela, Jose M., García Iglesias Jose M., Rosende Valdés, Andrés A., Ortega Romero, Mª del Socorro, Sobrino Manzanares, Mª Luisa. Historia del Arte Gallego. Madrid: Alhambra, 1982.

Concello de Sada. “Patrimonio inicia los trámites para declarar BIC el Museo Carlos Maside”. https://www.sada.gal/es/post/patrimonio-inicia-los-tramites-para-declarar-bic-el-museo-carlos-maside. (Data de consulta: 10 de maio de 2019).

La Opinión A Coruña. “El Parlamento pide a la Xunta que el Museo Carlos Maside sea Bien de Interés Cultural”. La Opinión A Coruña, 3 de novembro de 2010.

Consello da Cultura Galega.“Informe sobre o valor patrimonial do conxunto artístico e arquitectónico integrante do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside (o Castro-Sada)”. http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4308. (Data de consulta: 10 de maio de 2019).

2 comentarios en “O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Un museo do exilio en perigo de extinción.

  1. Sería unha vergoña pra Galicia non declarar BIC o Museo Carlos Maside de Sada, tanto pola obra da colección coma pola arquitectura museística que representa o edificio de o gran arquitecto que foi Albalat. Agardo pois a feliz noticia.
    Coma Historiadora da Arte Contemporánea suliño a importancia e representación do arte da Galicia exterior e os seus exiliados, coma xa se está a facer no resto do Reino de España con outros artistas exiliados. Tamen coma autora de o libro da Colección Básica de Galaxia sobre “A Arte”, e outras publicacións sobre a arte galega da vangarda no exilio ( Maruxa Maio, Castelao…etc.) síntome responsable e identificada fondamente co este proiecto e a suas demandas.
    Carmen Pena
    Madrid, 21 de Xuño de 2019

    1. Sí, a verdade é que só nos queda esperar, pero é necesaria e fundamental a declaración BIC. Non só polo recoñecemento que merece, senón porque esperemos que sexa una vía para que o Museo volva funcionar e a colección teña unhas mínimas garantías de conservación.
      Grazas polo interese!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *