O golpe do 36 en Ribadavia: resistencia e violencia

Mateo Martínez Torres

   Na década dos anos 30, as terras da provincia de Ourense estaban organizadas en minifundios de pequenos propietarios aos que a caída dos prezos agrícolas, as dificultades de emigrar a ultramar, e o retorno forzado de moitos emigrados a causa da Gran Depresión afectaran moi negativamente. A situación de Ribadavia non era diferente a de calquera vila do sur de Galicia. Podemos contemplar un panorama político plural no que a cidadanía podía informarse das novas locais a través dos xornais El Ribadaviense  ou El noticiero del Avia. A capital do Ribeiro estaba inmersa nun contexto socioeconómico no que o traballo vitivinícola era a principal actividade económica, polo que as organizacións agrarias, loxicamente, tiñan máis peso que os sindicatos obreiros. Destacamos, así, á Sociedad de Trabajadores y Agricultores de Ribadavia e ao Sindicato Católico Vitivinícola Comarcal del Ribeiro.

   O consistorio local estivo encabezado, salvo unha excepción, por alcaldes republicanos de esquerdas. Destacan así Santiago García Rey [Partido Republicano Radical-Socialista], alcalde en diversas etapas entre 1931 e 1935, e Benito Gallego Montero [Izquierda Republicana], que gobernou o concello dende 1933, sendo destituído trala Revolución de Asturias (outubro 1934) e nomeado alcalde de novo trala vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936. Por outra banda, existe a mencionada excepción de Cesáreo Giráldez, calvosotelista que xogou o papel de alcalde da vila no 1935. Non obstante, toda esta realidade política-social será brutalmente eliminada tralo golpe de estado de xullo de 1936.

Ribadavia vista pola cámara de Otto Wunderlich na primeira metade do século XX. Fonte: Twitter @GZHai1Seculo

   En Ribadavia, a vitoria das esquerdas en febreiro de 1936 dera paso a unha etapa de conflitividade social, mais non é unha excepción nas lóxicas do resto de vilas galegas. En todo o Estado existiron diversos enfrontamentos armados entre os núcleos falanxistas e elementos esquerdistas, feitos que axudaron a presentar ao período republicano como causante directo da Guerra Civil. Como afirma o profesor J. Aróstegui: “semellante relación oculta elucubracións espurias e falseamentos da realidade histórica”. É común presentar ao período republicano como unha «guerra civil larvada» previa ao 18 de xullo, unha idea que bebe das teses dos historiadores F. Furet e E. Nolte. Estes defendían que na Europa de entreguerras os «totalitarismos de esquerda e dereita» se enfrontaran ata rematar coa democracia liberal, que sería en boa medida o seu principal obxectivo.

   A II República foi unha democracia de masas bastante avanzada para a época e de bondade modernizadora, pero está inmersa no discurso do «fracaso do proxecto republicano», coa invocación ao caos, á anarquía e á ausencia de orde pública nos meses previos ao golpe de Estado. Polo tanto, non podemos contemplar a visión outorgada para Ribadavia, neste caso, como unha situación pre-bélica, senón que debe ser entendida no contexto da Europa do momento. O certo é que a vitoria da Fronte Popular en febreiro do 1936 reactivou as latentes tramas conspirativas contra a República (xa iniciadas a finais de 1935 polo ministro José María Gil Robles), protagonizada por diversos personaxes que non estaban dispostos a tolerar a recuperación do reformismo republicano do primeiro Bienio.

Autobús cruzando a ponte colgante que unía aos concellos de Ribadavia e Castrelo de Miño. 1929. Fonte: Twitter @GZHai1Seculo

   No ámbito estatal, o día 13 de xullo era asasinado José Calvo Sotelo, figura fundamental para comprender a política provincial e nacional do momento; os monárquicos calvosotelistas contarán cun papel relevante na posterior realización do golpe de estado. No ámbito local, o alcalde da localidade, Benito Gallego Montero, sufriu un intento de asasinato nos días previos ao Golpe: «El Sr. García Corral propone conste en acta la protesta enérgica en el vil atentado cometido en la persona del Alcalde D. Benito Gallego Montero, y la satisfacción de que el asesinato resultase frustrado».

   As noticias do inicio da sublevación en Melilla chegaron á Comandancia Militar de Ourense na tarde-noite do día 17 a través dun telegrama cifrado procedente da Coruña, e o goberno civil só puido contar coa colaboración do comandante de Carabineiros, Federico Ayala Victoria, para intentar evitar que as tropas saísen á rúa e proclamasen o estado de Guerra. No caso da capital da Comarca do Ribeiro, as primeiras novas da sublevación recíbense na madrugada do día dezaoito. Nunha xuntanza na Casa do Pobo, onde a agrupación socialista local leva a iniciativa, acórdase enviar representantes ás diferentes parroquias da comarca para contactar os responsables das sociedades agrarias de esquerda e que estas asumisen a tarefa de organizar aos seus afiliados para o caso de que se precisase unha mobilización de envergadura.

Benito Gallego Montero, alcalde de Ribadavia. Fonte: maquiáns.blogspot.com

   O alcalde da vila, Benito Gallego, atopábase en Ourense e regresou a Ribadavia por orde de Martín March, gobernador civil da provincia, argumentando que se ía facer pública unha noticia que «haría reaccionar a la gente». Unha vez alí deu instrucións ao brigada da Garda Civil, Vicente Santamarina García, para que permanecese acuartelado ata nova orde, situación que se mantería ata que chegou ao cuartel a nova da declaración do estado de guerra. Non obstante, todo indica que o alcalde se viu superado pola situación nun primeiro momento, xa que parecía máis partidario de manterse á espera, como estaba a acontecer no resto da provincia. Sobre as dez da noite, a praza maior do concello comezou a encherse de xente reclamando armas para defender á República, polo que presionado polos seus compañeiros de corporación máis esquerdistas, o alcalde decide daquela poñerse á fronte da mobilización.

   Existen diferentes versións arredor da defensa da legalidade republicana na vila de Ribadavia. A historiografía de final de século, representada neste caso polo historiador Carlos Fernández, aseguraba que a resistencia ribadaviense non fóra moi efectiva. Explicábase que a xestora municipal recrutara a algúns esquerdistas que, coa axuda de traballadores mandados polo alcalde da Arnoia José Meixengo, intentaran o asalto ao cuartel da Garda Civil, sen éxito. Na actualidade, grazas aos traballos de investigación de historiadores como Julio Prada ou Jesús De Juana, sabemos que nas primeiras horas do día dezanove concentráranse na vila de Ribadavia arredor de douscentos individuos armados, baixo as consignas dos dirixentes socialistas. Atopámonos nun contexto no que existía un fundado temor a que a nutrida Falanxe do Ribeiro puidese organizarse e tentar un golpe de forza para facerse co control do concello. Ademais, tamén existía a posibilidade de que a comarca se convertera nun punto de encontro de «frontepopulistas» de toda a provincia, onde se organizaría un continxente que debera dirixirse á capital.

Gran parada con motivo de la ocupación de Toledo. Foto Chao. Finais de setembro de 1936. Fonte: Arquivo da Biblioteca Nacional

  Isto demostra que Ribadavia e o Ribeiro non foron unha «retagarda segura» que caeu rendida e sen ambaxes á «causa nacional». Á hora de contrastar os datos das cifras de participación de «voluntarios» co relato transmitido da «entusiasta e masiva implicación da poboación civil no conflito armado», podemos observar unha gran desproporción. Os datos poñen de manifesto, así, que as colaboracións civís dos rebeldes conformaron un sector moi restrinxido dentro do conxunto da poboación. Ademais, a violencia que os sublevados desencadearon para asegurar o control da comarca son unha proba máis de que non existiu unha subordinación inmediata aos autodenominados «nacionais».

   Na cidade de Ourense, o edificio do Goberno Civil foi tomado nas últimas horas da mañá do día 20 de xullo polas tropas do tenente coronel Luís Soto Rodríguez. En Ribadavia a Garda Civil saíu do seu cuartel arredor das catro da tarde dese día, cumprindo a instrución da nova Comandancia Militar de proclamar o estado de guerra, e detendo ao alcalde Benito Gallego Montero e a diversos concelleiros e personalidades da vila. Benito sería xulgado en Ourense por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte, sendo executado o 9 de febreiro de 1937 no Campo de Aragón (Ourense), a explanada pertencente ao cuartel de San Francisco e antigo convento franciscano. Celso González Rodríguez, presidente da Casa do Pobo e destacado militante socialista,  e Andrés Centrón Rodríguez, máximo responsable da Sociedad Agraria de Ventosela, tamén foron xulgados e fusilados no mesmo lugar que Benito Gallego. Fulgencio Lorenzo Lira, concelleiro e presidente da Agrupación Socialista de Ribadavia,foi xulgado en Ourense por rebelión militar, sendo condeado a cadea perpetua.

Placa homenaxe ás vítimas do 36 en Ribadavia. Fonte: Twitter @BraisRibeiro

 Grazas ao traballo do proxecto de investigación Nomes e Voces (2006) sabemos das 109 vítimas ribadavienses ligadas directamente á violencia do golpe, mais esto non nos debe obviar á inumerable cantidade de vítimas, directas e indirectas, posteriores á guerra civil. A violencia económica e a violencia de xénero son, entre outras, as grandes olvidadas cando falamos das represalias cometidas polos verdugos. Parafraseando á obra recente de A. Míguez Macho e L. Fernández Prieto (2018), «esta non é unha historia heroica nin agradable, tampouco unha historia esquecida. É unha historia que non tiñamos moitas ganas de coñecer, pero que os historiadores e historiadoras estamos obrigados a indagar».

*A foto de portada pertence aos días posteriores ao golpe de estado na praza maior de Ribadavia. Título: Ribadavia (Orense). Solemne momento de ser izada la Bandera bicolor en el Ayuntamiento de esta villa. Foto Chao. Data descoñecida. Arquivo da Biblioteca Nacional.

Fontes

-Actas do Concello de Ribadavia (16/07/1936). Arquivo Histórico de Ribadavia

Bibliografía empregada

-Aróstegui, Julio. “Una izquierda en busca de la revolución [El fracaso de la segunda revolución]” en Viñas, Ángel (coord.): Los mitos del 18 de Julio. Crítica: Barcelona, 2013

-Artiaga Rego, Aurora. “Movilización rebelde en el verano de 1936. Galicia, ¿una nueva Covadonga?” en Fernández Prieto, Lourenzo; Artiaga Rego, Aurora (eds.): Otras miradas sobre Golpe, Guerra y Dictadura. Historia para un pasado incómodo. Catarata: Madrid, 2014

-Fernández, Carlos. El alzamiento de 1936 en Galicia. Datos para una historia de la Guerra Civil. Edicións do Castro: A Coruña, 1987.

-Fernández Prieto, Lourenzo; Míguez Macho, Antonio. Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo. Editorial Galaxia: Vigo, 2018.

-Prada Rodríguez, Julio. Ourense, 1936-1939. Alzamento, guerra e represión. Edicións do Castro: A Coruña, 2004.

-Prada Rodríguez, Julio. De la agitación republicana a la represión franquista. Ourense (1934-1939). Editorial Ariel: Barcelona, 2006.

-Prada Rodríguez, Julio. “Golpe de Estado y represión franquista en la provincia de Ourense” en De Juana López, Jesús; Prada Rodríguez, Julio (coords.). Lo que han hecho en Galicia. Violencia política, represión y exilio (1936-1939). Crítica: Barcelona, 2006.

-Puell de la Villa, Fernando. “La trama militar de la conspiración” en Viñas, Ángel (coord.). Los mitos del 18 de Julio. Crítica: Barcelona, 2013

-Soutelo Vázquez, Raúl. “Las uvas de la unión. Organización y movilización campesina en la vitivinicultura gallega: el Ribeiro ourensano, 1880-1936” en Historia Agraria, núm. 25, (2001): 121-156

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *