Unha ollada diferente á ditadura: a articulación do poder local no franquismo.

Brais Ferreiro Ares

Cando estudamos o franquismo é difícil que poidamos prestar atención a todas as súas facetas. Unha na que menos nos fixamos é a articulación do poder local durante a ditadura. Como funcionaban os concellos no franquismo? Quen os conformaba e como se podía acceder a eles? Quen tiña dereito a voto?

O poder local no franquismo estaba regulado pola Ley de 17 de julio de 1945 de Bases de Régimen Local, se ben non se comezou a aplicar até o 1948. É certo que foi modificada posteriormente por outras normas, pero estas non contradín o espírito da primeira, actuando simplemente cun carácter complementario. Non debemos esquecer o momento no que chega a Ley de Bases (1945) e entre que outras iniciativas lexislativas aparece, como o Fuero de los españoles (1945), a Ley de Referéndum (1945) e a Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado (1947), todas no final da Segunda Guerra Mundial e no comezo da Guerra Fría, cando o bando do réxime (o Eixo) viña de perder e este estaba quedando marxinado internacionalmente. Era necesario, polo tanto, aparentar que España estaba intentando homologarse aos países occidentais que acababan de gañar a guerra.

O réxime definiu aos concellos, en palabras de Blas Pérez González (encargado de defender o proxecto da Ley de Bases)  como “organismos non políticos aos que se lles prohibía facer política” cunhas competencias moi reducidas, enmarcadas nunha estrutura de Estado centralizada, onde se pretenden configurar uns organismos a nivel local puramente burocráticos.

Hai tres figuras imprescindibles para comprender o poder local no franquismo: o alcalde, o Gobernador Civil e os concelleiros. O alcalde era a figura máis importante, xa que era ao mesmo tempo Presidente do concello, Xefe da Administración local e delegado gobernamental. Para poder selo, debíanse ter máis de 25 anos e reunir as “condicións de idoneidade, competencia e arraigo na localidade”. A partir de aí, o cargo era de carácter obrigatorio, gratuíto e sen tempo máximo establecido. O seu nomeamento dependía do Ministerio de Gobernación cando a poboación de dereito en cuestión superase os 10.000 habitantes, pero se a cifra era inferior, a competencia pasaba a ser do Gobernador Civil.

Este era a máxima autoridade da provincia, delegado gobernamental e Xefe Provincial do Movimiento (dende os anos corenta). A ambos lles interesaba gardar unha boa relación: un, para gañarse a confianza do seu inmediato superior para ter máis posibilidade de manterse no cargo á par que ter un voceiro útil ante o Goberno central no caso de ser preciso; outro, para conseguir con maior eficacia as demandas en favor da provincia que del dependía. Pero sen dúbida a tarefa máis importante que realizaba era a de configurar as listas de candidatos oficiais así como anular as opositoras se as houbera. Estar incluído nestas listas era un dos pasos previos para poder acabar sendo un dos concelleiros, os cales dividíanse en tres terzos (familiar, sindical e de entidades) con igual proporción e cuxo cargo tamén era gratuíto e obrigatorio, aínda que en determinados supostos podía perderse a condición de concelleiro. Ademais, no caso dos candidatos polo terzo familiar, debían reunirse varios requisitos, recollidos no artigo 51 do Reglamento de Organización, Funcionamiento y Régimen Jurídico de las Corporaciones Locales (1952), unha das normas complementarias á Ley de Bases que mencionamos en liñas superiores. Para evitar que se proclamaran candidatos electos automaticamente por haber menos ou iguais que prazas a cubrir, recomendábase que houbera dous candidatos por cargo vacante e así aparentar normalidade.

Visto isto, como se desenvolvían as eleccións? Para comezar, é máis correcto que falemos de renovacións parciais, xa que estes procesos tiñan lugar en novembro cada tres anos, momento no que se renovaban os concelleiros dos tres terzos por metades en igual proporción (polo que a lei estaba pensada para que os mandatos fosen de seis anos). É dicir, que se unha Corporación ten 12 concelleiros (4 para cada terzo), cada tres anos renovaríanse 2 de cada terzo (6 en total). Pois ben, as renovacións parciais celebrábanse en tres días diferentes. Primeiro celebrábase a renovación do terzo familiar mediante comicios populares nos que podían participar os veciños inscritos no censo electoral especial de cabezas de familia, ampliado no 1970 ás mulleres casadas (elección de primeiro grao). En segundo lugar, celebrábase a renovación do terzo sindical, que englobaba aos organismos sindicais radicados no termo municipal, á cal estaban chamados a votar os compromisarios nomeados polas xuntas sindicais locais (elección de segundo grao). Por último, a renovación do terzo de entidades correspondía aos concelleiros dos outros dous grupos, que escollían entre os membros das entidades económicas, culturais e profesionais non encadradas na organización sindical ou, se non as houbese, entre veciños de recoñecido prestixio a partir dunha lista proposta polo Gobernador Civil (elección mediante cooptación). Desta maneira, “elector” e “elixíbel” non era algo común a toda a poboación, e ademais había veciños que tiñan tres, dous, un e ningún voto. Cómpre resaltar que estes comicios eran de carácter obrigatorio, pero pese a isto e a que se fomentou a participación e incluso existían penalizacións, había unha considerábel abstención, pasando dun 80% no 1948 a un 45% no 1973 no conxunto estatal.

Esta é só unha pequena síntese de todo o que se pode dicir e interpretar sobre a articulación do poder local durante o franquismo. Ademais de ser un punto de vista moi interesante, conecta de cheo coa nosa historia recente, xa que como xa se analizou nesta mesma revista, o poder local foi dos últimos en ser democratizado na Transición, polo que este sistema de poder local estivo vixente practicamente sen variacións durante 31 anos (1948-1979).

 

FONTES

  • Boletín Oficial del Estado (BOE) (18/07/1945). Ley de 17 de julio de 1945 de Bases de Régimen Local.Nº 199, pp. 360-384.
  • Boletín Oficial del Estado (BOE) (07/06/1952). Reglamento de Organización, Funcionamiento y Régimen Jurídico de las Corporaciones Locales. Nº 159, pp. 2532-2556.

BIBLIOGRAFÍA

  • Colomer Rubio, J.C.. “Gobernar la ciudad. El ayuntamiento de Valencia de la dictadura a la democracia. Un estudio de caso (1969-1979)” en Hispania, vol. LXXIII, nº 245 (2013): 845-870.
  • Colomer Rubio, J.C.. “Elecciones por tercios y renovación de un consistorio franquista. Valencia (1969-1979)” en VV.AA. (coord.). Otras voces, otros ámbitos: Los sujetos y su entorno. Nuevas perspectivas de la historia sociocultural. Valencia: Universitat de Valencia, 2015.
  • Domper Lasús, C.. “El franquismo a través de las urnas. Metodología, fuentes y retos para una aproximación electoral al régimen de Franco” en Política y sociedad. Vol. 55, Nº 1 (2018): 115-134.
  • Martínez Marín, A.. La representatividad municipal española. Historia legislativa y régimen vigente. Murcia: Universidad de Murcia, 1989.
  • Moreno Fonseret, R.. “Las consultas populares franquistas: la ficción plebiscitaria” en Moreno Fonseret, R. e Sevillano Calero, F. (eds.). El franquismo. Visiones y balances. Alicante: Publicaciones de la Universidad de Alicante, 1999.
  • Pérez González, B.. Discurso de presentación a las Cortes del Proyecto convertido en Ley de Bases de Régimen Local. Madrid: Instituto de Estudios de la Administración Local, 1945.
  • Quirosa-Cheyrouze y Muñoz, R. e Fernández Amador, M.. Poder local y transición a la democracia en España. Granada: CEMCI, 2010.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *