Máis letras e máis Mazarelos

Mazarelos comezou como un proxecto multidisciplinar e aberto a distintos soportes mais dende o comezo quixemos que os nosos escritos e iniciativas servisen para normalizar o uso da nosa lingua. Temos claro de onde vimos e a onde imos, apostando polo Galego como compañeiro de viaxe.

Na nosa convivencia coa universidade experimentamos a situación de diglosia que sofre o galego nas aulas. Na Universidade de Santiago de Compostela somentes 1 de cada 5 clases se imparte en galego, e só o 30% dos Traballos de fin de Grao ou Mestrado están redactados na nosa lingua.

Un dos obxectivos que marcamos como prioritarios dende o comezo é ser unha ferramenta dinamizadora da historia, mais tamén da lingua. Cruzamos xa nalgunha ocasión fronteiras con colaboracións internacionais e queremos seguir neste camiño, derrubando barreiras xeográficas e lingüísticas.

Para iso continuaremos publicando na páxina, intentando aportar o noso grao de area á Historia, ás ciencias sociais e á lingua. Mais non so iso, queremos revertir eses datos funestos. Aproveitamos este día para anunciar que plasmaremos por escrito o noso compromiso nos estatutos dunha nova asociación. Organizarnos permitirános subir uns chanzos máis diversificando as nosas actividades, combinando a acción na rede coa rúa e as facultades, a través de máis soportes. En definitiva queremos implicar a máis xente en máis contextos para investigar, producir e difundir en galego.

A nova etapa de Mazarelos abrirase en setembro pero dende xa estamos traballando para seguir aportando as nosas letras ao galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *