Diego Xelmírez: da «Paz de Deus» á Cruzada (1101-1125)

Mateo Martínez Torres

   No tránsito do século XI ao XII a construción ideolóxica dominante é, sen dúbida, a cruzada. Dende Compostela non só se reciben con nitidez as novas ideas, senón que se enriquecen con novas achegas. No ano 1095 en Clermont (Francia) tivo en lugar un Concilio convocado polo papa Urbano II; a el asistiu o entón bispo de Santiago, Dalmacio, antigo monxe cluniacense. Cando o prelado regresou a Compostela trouxo consigo un importante privilexio pontificio: concedía ao seu queridísimo Dalmacio e aos seus sucesores no cargo que así como os vosos predecesores tiveron a cátedra do episcopado na cidade de Iria Flavia [Padrón], teñádela vós xa para sempre na cidade que se chama Compostela. Así, Santiago, que dende tempos de Teodomiro viña sendo residencia de facto dos bispos de Iria, converteríase en sé episcopal de pleno dereito.

   En Clermont, Dalmacio escoitou o chamamento realizado polo papa ao combate contra os «infieis» (musulmáns) a través da expresión Deus Vult!; o impacto psicolóxico que causou o discurso pontificio, quizais esaxerado polos cronistas, foi realmente impresionante. En todo caso, o recoñecemento de Compostela como lugar propio dunha cátedra episcopal fíxose realidade no mesmo sitio e ao mesmo tempo ca o chamamento papal que puxo en marcha a primeira cruzada.

   Dalmacio morre no ano 1096, e non será ata o 1099 cando o novo papa, Pascual II, autorice a elección dun novo bispo. Así, Diego Xelmírez, no tempo en que estaba de peregrinación cara Roma, foi ordenado bispo de Compostela o 1 de xullo do 1100, e consagrado o 21 de abril do 1101. A memoria do acontecemento foi gardada pola Historia Compostelá en dous relatos diferentes e de distintos autores; está construído o primeiro coas palabras de Munio Afonso, e o segundo foi redactado por Xiraldo de Beauvais.

   Anos despois, cara 1111, un continxente de guerreiros procedente das illas británicas, facía un alto nas costas galegas. Para comprender o fenómeno que ven a continuación, debemos explicar que nos primeiros e conflitivos anos da raíña Urraca de León (1109-1126), os enfrontamentos entre bandos aristocráticos atoparon en Galicia un escenario cun apretado programa de actuacións. Deste xeito, os expedicionarios insulares, lonxe de asustarse polo clima de inestabilidade, consideraron a situación moi estimulante e decidiron participar na mêlée. Apoiaron así ao grupo de nobres galegos enfrontados á raíña e ao seu fillo Afonso Raimúndez.

   A crónica xelmiriana di que estes ingleses se  comportaron coma se fosen almorábides. Cruzada e «Reconquista» entran en contacto nas costas galegas e fano baixo a “pirataría”; os expedicionarios norteños que axudaron a un bando de nobres galegos en plena revolta estaban embarcados nunha empresa ben amparada pola ideoloxía da Guerra Santa. Ermelindo Portela (2007), catedrático de Historia Medieval, explica que obtiveron ese amparo por unha dobre canle xustificativa: porque axudaban  a defender a paz dos Reino, e porque a guerra facíana contra os inimigos da fe: os infieis, os musulmáns. Así, contemplada dende o lado conveniente e co ángulo adecuado, a piratería converteríase en «santa piratería».

 Tras asistir ao concilio celebrado en Palencia, Xelmírez promulgou un conxunto de decretos para, segundo indican os correspondentes epígrafes da crónica que os recolle, “quitar a opresión do pobo” e “protexer aos pobres”. Neses decretos contéñense non só alusións xenéricas á paz do reino, senón expresas referencias ás institucións da paz e da tregua de Deus. Na asemblea de bispos e abades que reúne Xelmírez en Compostela (1114), os decretos sobre a paz de Deus encabezan a relación das decisións tomadas. Esta reunión mantida en Santiago prefigura a serie de auténticos concilios que, xa na súa condición de arcebispo e legado apostólico, convocou e presidiu a partir do ano 1121. Nesas asembleas, de xeito especial nas celebradas nos anos 1124 e 1125, desprégase un completo programa ideolóxico no que a paz de Deus e a cruzada se trenzan nunha boa argumentación.

Pendón primitivo da Orde de Santiago (1175). Tumbo menor de Castela

   Na primavera do 1124, Xelmírez convocou en Santiago un concilio ao que asistiron os bispos de Astorga, Lugo, Mondoñedo, Tui, Porto, Zamora, Burgos e Salamanca. A recensión das súas actas, transmitidas pola crónica xelmiriana, presenta os asuntos tratados nela como un monográfico sobre a paz e a tregua de Deus. En efecto, non se trata xa de superficiais remisións ás teses pacifistas entendidas ao modo dos clérigos da reforma gregoriana, senón de despregar o programa de medidas concretas que corresponden ao establecemento da paz de da tregua con Deus. A Paz de Deus é, ante todo, a garantía da paz dos seus ministros, e son os ditos ministros de Deus os encargados de facer cumprir as regras para mantela. O propósito da paz é a defensa da Igrexa e dos bens eclesiásticos. A violencia e a guerra son os instrumentos lícitos e controlados polos clérigos: a “violencia lícita” dirixida polo bispo é presentada como “guerra santa”. É dicir, o traxecto que comezou coa promulgación da Paz de Deus conduce á violencia, lícita, pero violencia. Estamos a falar da “guerra santa”: da Cruzada

   Os contidos da asemblea conciliar do 1125 son máis amplos e precisos. Xelmírez, amparado na súa legacía romana, concedía o 18 de xaneiro dese ano a indulxencia plena a todos aqueles que participasen na «cruzada hispánica», pola autoridade de Deus e dos santos apóstolos Pedro, Pablo, Santiago e de tódolos santos. A conquista dos territorios almorábides de Al-Ándalus concíbese agora como instrumento para abrir o camiño para Xerusalén; é dicir, no pensamento de Xelmírez a tradicionalmente denominada, «reconquista» é cruzada, incluso se esta se entende, na acepción máis restrinxida do termo, como a guerra santa que tivo como obxectivo a liberación de Xerusalén. Así, o que realmente interesa ao punto de vista que adoptamos é a comprobación do final do percorrido que conduce á plena recepción da idea de cruzada na construción mental xelmiriana; o emprego dun termo historiograficamente universal (cruzada) nun marco xeográfico menor (Península Ibérica). En resumo, lexitimar as accións do bispado coa Paz de Deus.

*Nota: A imaxe de portada correspóndese a unha miniatura medieval do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos (s. XIII). Represéntase a Diego Xelmírez, en presencia de varios cabaleiros, bendice aos dous fundadores do mosteiro, Fruela Afonso e Pedro Muñiz, o seu primeiro abade.

Bibliografía empregada

-López Alsina, Fernando. “Diego Gelmírez. Las raíces del Liber Sancti Jacobi y el Códice Calixtino” en López Alsina, Fernando; Monteagudo, Henrique; Villares, Ramón; Yzquierdo Perrín, Ramón (coords.) O século de Xelmírez. Consello da Cultura Galega: Santiago de Compostela (301-386), 2013.

-López Carreira, Anselmo. O Reino Medieval de Galicia. Edicións A Nosa Terra: Vigo, 2008

-Pallares Méndez, María del Carmen; Portela Silva, Ermelindo. “De Xelmírez aos irmandiños, a Galicia feudal (séculos XII-XIV): campos e cidades nun espazo redefinido”. A Gran Historia de Galicia. La Voz de Galicia. Núm. 9, T. 5, vol. 1. La Voz de Galicia: Santiago de Compostela, 2007.

-Pallares Méndez, María del Carmen; Portela Silva, Ermelindo. “De Xelmírez aos irmandiños, a Galicia feudal (séculos XII-XIV): o encadramento social e a loita polo poder”. A Gran Historia de Galicia. La Voz de Galicia. Núm. 10, T. 5, vol. 2. La Voz de Galicia: Santiago de Compostela, 2007.

-Portela Silva, Ermelindo. “Diego Gelmírez y el trono de Hispania. La coronación real del año 1111” en López Alsina, Fernando; Monteagudo, Henrique; Villares, Ramón; Yzquierdo Perrín, Ramón (coords.) O século de Xelmírez. Consello da Cultura Galega: Santiago de Compostela (45-74), 2013.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *