Deporte despois de xullo de 1936. Reorganización e control falanxista.

Roque Sanfiz Arias

O deporte converteuse nos anos vinte nun fenómeno social ao que os xornais dedicaban cada vez máis tempo e os estadios volvíanse máis grandes. Con todo, non foi unicamente a expansión dun negocio. Nun momento de industrialización e de urbanización, os veciños dos recentemente construídos barrios atoparon neste deporte un espazo de socialización prometedor.

Traballadores e as mulleres tamén pisaron os terreos de xogo e creáronse novos clubs e asociacións dende as clases baixas da sociedade, fomentando a popularización da práctica deportiva.

Como fenómeno social, o deporte tampouco puido manterse alleo das realidades políticas do momento. A realidade europea dos anos trinta estivo marcada polo ascenso do fascismo e do nazismo ao poder en Europa. A sede escollida para as olimpíadas de 1936 era Berlín e como resposta a isto, o deporte popular -que non obreiro- organizou unha alternativa, a Olimpíada Popular de xullo de 1936 que debería celebrarse en Barcelona.

O pistoletazo de saída das distintas probas non chegou a producirse porque outros tomaron as armas. Os combates tralo golpe de estado militar do 18 de xullo imposibilitaron o comezo da Olimpíada Popular, que tivo que suspenderse.

Daquela o deporte xa estaba plenamente estendido na sociedade e para os sublevados era necesario controlalo. Nas zonas baixo dominio dos sublevados a depuración comezou de inmediato. Era frecuente que os directivos de clubs de fútbol participasen tamén na política e por iso algúns xa foran fusilados. Este feito, sumado ao recrutamento dos mozos que xogaban fixo que a actividade deportiva se resentise moito durante a guerra.

De todos xeitos, o réxime tratou de organizar equipos e competicións inmediatamente para restablecer unha aparencia de “normalidade” na retagarda, onde se ensaiaba o novo estado.

O novo réxime rexeitaba o espectáculo de masas e o papel do deporte era formar mozos sans e fortes, capaces de representar a nación con orgullo, expresións de virilidade e fortaleza que recordan aos postulados fascistas e nazis, en auxe no momento.

Falange foi a encargada de reorganizar as estruturas deportivas tralo remate da guerra. En 1941 promulgouse un decreto para a creación da Delegación Nacional de Deportes (DND). Esta debería ser a encargada de dirixir o deporte no país e neste decreto recollíanse os seus principios reitores[1].

O novo estado franquista recoñecía o deporte como “uno de los principales instrumentos para la entera educación del hombre español”. A continuación, adxudicábase a Falange a función de “animar y dirigir todas las formas de deporte” e “coordinar todas las actividades del deporte federartivo”, á vez que debería conservar “cuanto hay de sano y aprovechable en la iniciativa de Agrupaciones que cuentan con una brillante historia de servicios al deporte español.”.

A educación física foi outro elemento controlado polo réxime dende o comezo. Nas escolas nacionais os nenos practicaban ximnasia de tipo militar, inspirada na tradición prusiana, mentres que as nenas ximnasia rítmica e sueca. A diferenza entre sexos non se restrinxía ao ámbito educativo, senón que as mulleres debían dedicarse a deportes considerados “menos violentos”, coma baloncesto ou voleibol. Os homes debían practicar fútbol pois reflexaba “los valores masculinos hispánicos «viriles e impetuosos»”[2].

Desta maneira, queda clara a preeminencia da DND e de Falanxe sobre todos os deportes, federacións e clubs. É a normativización do que viña facéndose en Galiza dende o momento do golpe: depurar e controlar.

As federacións, xa controladas por falanxistas, comezaron a reactivar entidades nomeando a xente afín. Non sen antes ter pasado un proceso de selección meticuloso, que deixou unha estela de informes sobre as actividades previas dos elixidos[3].

Esquema da organización da DND. Elaboración propia.

O deseño conceptual do deporte en España apoiábase en tres organismos distintos[4].

Un primeiro era o encargado de regular os deportes baixo control militar. Neste a DND non interviña e o obxectivo era a educación física dos militares.

O segundo organismo eran os “Deportes del Movimiento”. Baixo as ordes directas da DND establecían relacións coas outras asociacións de masas do franquismo. Entraban aquí todas as actividades deportivas organizadas polo Frente de Juventudes, o SEU, a Sección Femeninae Educación y Descanso -organización dependente da OSE-. Este organismo centrábase nos elementos formativos e adoutrinadores do réxime, tentando eliminar o factor competitivo.

En terceiro lugar atopábanse as Federacións Nacionais que podían desenvolver competicións dos seus respectivos deportes, controladas dende o estado. Pola súa natureza xerárquica descendente inclúe o control dos clubs, cuxos presidentes eran elixidos directamente pola Federación. O resto da directiva dos clubs era nomeada polos socios en asemblea mais non directamente. Elixían tres candidatos por posto e o presidente escollía, podendo vetar calquera das propostas. Ao final, debía haber como mínimo dous militantes do Movimiento na directiva.

O control da DND tamén se posou sobre a prensa deportiva. Esta tiña prohibida a crítica aos organismos federativos e debía evitar polémicas de calquera tipo. O seu papel era simplemente narrar os eventos deportivos, especialmente se o deporte nacional resultara campión.

O bando franquista foi consciente da necesidade de controlar o deporte dende o comezo naqueles territorios nos que triunfou a sublevación. As tendencias asociativas previas racharon coa Guerra Civil e as institucións preexistentes foron substituídas. A nova estrutura era xerárquica e invertía a orde na toma de decisións.

A Delegación Nacional de Deportes non permaneceu inalterada durante todo o franquismo. Sufriu cambios internos e adaptouse a novas lexislacións, mais seguiu vixente ata 1977, cando foi substituída polo actual Consello Superior de Deportes.

 

Notas ao pé

[1] Decreto reproducido en Xavier Pujadas & Carles Santacana, Historia il·lustrada de l’esport a Catalunya (1931-1975), vol. 2, (Barcelona: Columna editorial y Diputación de Barcelona, 1995), p. 121.

[2] Teresa González Aja, “La política deportiva en España durante la República y el Franquismo”, en Sport y autoritarismos, ed. Teresa González Aja, 187-189 (Madrid, Alianza editorial, 2002).

[3] Xavier Pujadas & Carles Santacana, Historia il·lustrada de l’esport a Catalunya (1931-1975), vol. 2, (Barcelona: Columna editorial y Diputación de Barcelona, 1995), p. 151.

[4] A explicación detallada da estrutura de la DND pódese atopar en Xavier Pujadas & Carles Santacana, “El club deportivo como marco de sociabilidad en España. Una vision historica (1850-1975)”, Hispania. Revista española de historia, vol. 63, no. 214 (2003), p. 518.

A imaxe de cabeceira é unha fotografía extraída da revista Vida Gallega, número 679 do 30 de novembro de 1936.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *