Shell-shock: unha ferida invisible

Carlos Quivén Sánchez

O protagonista dunha guerra é, se falamos de xeito individual, o soldado. Non obstante, o que máis transcendeu na Historia foron os grandes líderes militares, as súas estratexias e tácticas e, por suposto, as grandes batallas que adquiren dimensións épicas en moitos casos presentes no cine ou na literatura. Porén, podemos dicir que o grande esquecido é o combatente que como protagonista nunha guerra pode contribuír á vitoria do seu exército ou morrer no intento. Isto pode ser porque a nivel individual é difícil contar unha historia persoal, alén dalgunhas crónicas centradas en documentos epistolares ou diarios que poden chegar a ser recompostos sobre as impresións que alguén que participou na guerra tivo sobre ela, como pode ser o caso de Antonio Seoane Vázquez sobre a Guerra Civil Española [1].

A primeira referencia que temos en torno a esta cuestión é no marco da Primeira Guerra Mundial, un conflito que os propios soldados confiaban en que rematara para o Nadal de 1914 pero que se prolongou e se estancou provocando milleiros de baixas. Lembremos que a industrialización de Europa no século XIX e principios do XX, sobre todo no período da coñecida «paz armada», permitiu a proliferación de armamento pesado: armas e artillería máis sofisticada, ametralladoras, granadas de man e minas anti-persoa ficaron a disposición dos exércitos. Emporiso, as mortes e os danos físicos nos combatentes adquiriron unha nova dimensión, comezando a ser obxecto de preocupación dos exércitos que recibían centos e miles de casos de soldados que estiveron expostos ás explosións e disparos na fronte. Neste contexto en 1915, o psicólogo británico Charles S. Myers publicou un artigo na revista médica The Lancet. Aquí menciona por primeira vez o termo shell-shock, en referencia a unha nova problemática que concernía aos soldados que acudían á enfermería: nun primeiro momento os traumas foron relacionados coa exposición ás explosións e á metralla na fronte e ás feridas provocadas por estas, de modo que foi catalogada coma unha simple conmoción cerebral que sufrían os soldados que estiveran preto dunha detonación. Non obstante, os hospitais rexistraron un incremento de casos de soldados que, a pesar de non teren estado directamente expostos ao fogo inimigo, presentaban os mesmos síntomas que os que si -amnesia, falta de concentración, xaquecas, zunidos, hipersensibilidade ao ruído, mareos ou tremores- pero que co tratamento hospitalario non era posible curalos [2].

A cuestión do shell-shock ficara un tanto apartada pola necesidade que tiña o exército británico de combater outro tipo de enfermidades. Estas agromaban entre a sucidade e a podremia nas trincheiras en Francia debido a altos niveis de infeccións bacterianas, polo que a falta dunha estratexia determinada para tratar os casos de traumas, estes inevitablemente foron en aumento. Por iso, Myers, insatisfeito coa explicación que daban as autoridades médicas, apuntou que para os casos destes soldados o axeitado era tratalo coma un problema «emocional» e non «conmocional», é dicir, que era preciso tratar e atender a estes homes dende unha perspectiva psicolóxica e non neurolóxica [3]. O 10% das mortes no bando británico durante a Primeira Guerra Mundial foron catalogadas como algún tipo de shell-shock ou neurastenia, de modo que non foi unha cuestión menor. Dalgún xeito, podemos dicir que a Gran Guerra foi o punto de partida da análise desta problemática, un momento no que a preocupación comezou a medrar ante a evidente incidencia dos casos de traumas entre os soldados. Así, deu comezo unha nova tendencia: a maior grao de violencia nun prolongado espazo de tempo, maior será o impacto psicolóxico entre as persoas, tanto combatentes coma civís. Estas consecuencias fixéronse notar no interludio entre as dúas guerras mundiais que sacudiron Europa en menos de trinta anos, a nivel social deixando a súa pegada na cultura e no pensamento, pero tamén na política [4].

A natureza dramática do shell-shock ten moito que ver coas expectativas formadas desde o mando, as autoridades médicas, e a propia sociedade. A cultura predominante sostivo unha visión necesariamente viril dos soldados, polo que calquera expresión de medo e covardía resultaba inaceptable [5]. Os soldados que non podían soportar as tensións da guerra non tiñan outro remedio que comunicar a súa indisposición para seguir combatendo, xa que manifestaban síntomas de suxestión causados polo medo, desembocando, así, nun desorde físico. Frecuentemente, os soldados que presentaron síntomas de trastorno por esta causa durante a Primeira Guerra Mundial foron tratados coma simples covardes que non querían combater e aplicábaselles medidas disciplinarias, chegando incluso a seren executados para evitar un posible «contaxio»[6].

Con todo, existe un nesgo evidente no sentido das fontes de estudo, pois a maioría veñen do mundo anglosaxón, referidos ao estudo de casos de soldados británicos, norteamericanos ou canadianos que participaron na Primeira ou na Segunda Guerra Mundial, ademais de nomeados casos posteriores coma o dos veteranos de Vietnam e Afganistán. Isto pódese explicar polo maior interese que lles suscitou na medida en que desexaban incrementar o rendemento dos seus exércitos e solucionar un problema que estaban a ver como crónico nalgúns casos. Ademais, o propio termo inglés shell-shock resulta complicado de traducir porque configura dun xeito imaxinativo unha metáfora da natureza da guerra industrializada, o tamaño da guerra, o seu alcance, a súa escala e as súas repercusións, o cal suxire a forza corrosiva do conflito tout court de 1914-19187. Este termo concentra a idea da ferida de guerra por definición, a que non deixa marca visible pero resulta moi difícil de curar.

 

1 Véxase Antonio Seoane Vázquez, Años de guerra y revolución 1936-1939, Bolanda ediciones y marketing, 2016.

2 Edgar Jones; Nicola Fear e Simon Wessely, «Shell Shock and Mild Traumatic Brain Injury: A Historical Review» Am J Psychiatry, núm. 11 (novembro 2007): 1641.

3 Edgar Jones; Nicola Fear e Simon Wessely, «Shell Shock and Mild Traumatic Brain Injury: A Historical Review» Am J Psychiatry, núm. 11 (novembro 2007): 1642.

4 Eric Leed, «Fateful Memories: Industrialized War and Traumatic Neuroses», Journal of Contemporary History, núm. 1, (xaneiro 2000).

5 George L. Mosse, «Shell-Shock as a Social Disease», Journal of Contemporary History, núm. 1, (xaneiro 2000).

6 Todd Helmus e Russell Glenn, «A Look Back: A Brief History of Combat Psychiatry», en Steeling the Mind, Combat Stress Reactions and Their Implications for Urban Warfare, Santa Monica: RAND Corporation, (2005). 7 Jay Winter, «Shell-Shock and the Cultural History of the Great War», Journal of Contemporary History, núm. 1, (xaneiro 2000): 8.

Bibliografía

Bogacz, Ted. «War Neurosis and Cultural Change in England, 1914-22: The Work of the War Office Committee of Enquiry into ‘Shell-Shock’», Journal of Contemporary History, núm. 2 (abril 1989), 227-256.

Helmus, Todd C. e Glenn, Russell W. «A Look Back: A Brief History of Combat Psychiatry», Capítulo II en Steeling the Mind, Combat Stress Reactions and Their Implications for Urban Warfare, Santa Monica: RAND Corporation, 2005, 9-22.

Jones, Edgar; Fear, Nicola e Wessely, Simon. «Shell Shock and Mild Traumatic Brain Injury: A Historical Review» Am J Psychiatry; núm. 11 (novembro 2007), 1641–1645.

Leed, Eric. «Fateful Memories: Industrialized War and Traumatic Neuroses», Journal of Contemporary History, núm. 1 (xaneiro 2000), 85-100.

Mosse, George L. «Shell-Shock as a Social Disease», Journal of Contemporary History, núm. 1 (xaneiro 2000), 101-108.

Winter, Jay. «Shell-Shock and the Cultural History of the Great War», Journal of Contemporary History, núm. 1 (xaneiro 2000), 7-11.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *