As protestas anti-Vietnam (I)

Sara Penide de la Torre

Trala posguerra mundial, os anos cincuenta nos EEUU caracterizáronse pola prosperidade e o crecemento económico, así como polo conservadorismo enmarcado na Guerra Fría. Os sindicatos fixéronse aliados do status quo poñendo fin a case un século de loitas laborais. Deste xeito, os novos movementos populares comezarían a desenvolverse con independencia da clase obreira organizada, afianzándose un inmenso complexo militar-industrial nun contexto caracterizado pola “obsesión comunista” do Mcartismo. Por outra banda, esta é a época do baby boom, o desenrolo da concentración urbana (así como a marxinación da pobreza), a publicidade e os cambios tecnolóxicos. Todos estos feitos provocaron unha masificación dos medios e unha sociedade máis consumista e cohesionada, con cada vez máis mozos con acceso á educación superior.

Os anos cincuenta foron anos de desigualdade caracterizados polos movementos de protesta. Estes influiron notablemente na posterior protesta antibélica, do mesmo xeito que o fixera o o movemento antiracial, os grupos feministas, algúns grupos relixiosos, os pequenos partidos de esquerdas, sindicatos estudantís o as asociacións contrarias á carreira armamentística e ás rmas nucleares. Todos estes grupos e asociacións, ademais, foron partícipes das protestas contra a Guerra de Vietnam.

O movemento anti-Vietnam naceu no ámbito estudantil. O grupo máis importante vai ser o Students for a Democracy Society (SDS), o principal voceiro da Nova Esquerda. A declaración de Port Hurón (1962) tivo un efecto profundo na atracción de mozos estudantes a favor dunha democracia participativa, antitotalitaria e en contra dos intereses imperialistas. Por outra banda, tamén estaban en contra da sociedade industrial e do consumo, así como do liberalismo tradicional propio da época. Non obstante, no 1965 entraría no seu seo o Progressive Labor Party (PLP), máis radical, e relacionado coa división posterior do SDS.

Inicio das protestas

O intervencionismo estadounidense en Vietnam comezara aló polo 1945, pero non foi até o 1965 que a sociedade iniciou o rexeitamento do mesmo. No ano anterior (1964) L. Johnson, presidente dos EEUU, logrou convencer ao congreso para conseguir poderes extraordinarios e iniciar unha intervención directa no país da Indochina. Para elo, empregou a desculpa dun “confuso incidente” no Golfo de Tokín, camuflado coma un ataque comunista. Deste xeito, a pesar de que non houbo unha declaración de guerra propiamente dita, en xaneiro do 1965 os primeiros soldados norteamericanos chegaron a Vietnam.

Mozos durante un Draft burn

Debemos ter en conta que, dos 2.5 millóns de soldados, o 80% pertencía a un estracto social baixo, das clases traballadores. Por outra banda, 16 dos 27 millóns preseleccionados nun primeiro momento conseguiron evadir o servicio. Esta desigualdade trouxo consigo a primeira mostra de descontento cara unha guerra cuxa idade media foron os 19 anos. A protesta traduciuse en desobediencia civil contra o recrutamento, o chamado Draft burn; nestas concentracións queimábanse cartillas de recrutamento, recollíanse firmas e cantábanse lemas coma este: No, No, No. We won’t go (Non, non, non. Nós non iremos). Moitos mozos da época tiveron que declararse obxectores de conciencia para eludir o servizo militar, incluso cruzar a fronteira cara Canadá. Estas condutas estaban penadas con 5 anos de prisión e multas de miles de dólares. Asemade, tamén existiron métodos máis radicais de protesta: diversos activistas cuáqueros queimáronse ao bonzo, e oito mozos estadounidenses inmoláronse para protestar contra o recrutamento forzado e evitar participar no conflito.

En marzo do 1965 iniciáronse os teach-ins na Universidade de Michigan, unha especie de seminarios-protesta e rumba nocturna. Así tamén había protestas cos Reserve Officers Training Programs, oficinas nos campus que reclutaban aos estudantes para a guerra, que acabaron cancelándoo.

Imaxe dunha protesta Teach in

O 17 de abril dese ano, o SDS convocou en Washington a primeira xornada contra a interevención en Vietnam. Congregáronse grupos de diferentes orientacións, dando lugar á loita interna no SDS anteriormente mencionada. O sector máis radical apostaba por ir máis aló de Vietnam, entendendo o conflito como un síntoma dos profundos males da sociedade, e apostando por unha profunda revolución das clases populares. En agosto, no día de conmemoración dos bombardeos de Hiroshima e Nagasaki, celebrouse a “Asemblea de Xentes non Representadas” con representantes de 30 grupos distintos participantes nas marchas. Estes crearon o Comité Nacional Coordinador, encargado de finalizar a Guerra de Vietnam. Mentres se incrementaba a intervención na país asiático, leváronse a cabo marchas por cidades cada vez máis heteroxéneas e de maiores dimensións.

Este clima propiciou o nacemento dunha “contracultura”, alentada pola figura do “rebelde sen causa”, na poesía, cine, prensa underground (Rolling Stone) e no panorama músical, tanto folk coma rock. Dita contracultura xerou novos xeitos de protesta, nacendo así o movemento Hippie. Popularmente coñecido, buscaba alternativas vitais e atopar, a través da experimentación, formas de coñecemento novidosas.

O arte tamén estivo moi presente nas protestas. O activismo artístico englobábase no Artists and Writers Protest (1965), ou o Artist and Protest Committee, a través do cal diversos escritores enviaban cartas de protesta aos periódicos para seren publicadas. Ademais, houbo artistas que realizaron obras visuais como sinal de protesta; destacan así a Peace Tower, No War e pósters como Girls say yes to boys who say No (As rapazas din si aos rapaces que din non). Empregaban os símbolos nacionais dun xeito satírico, como a bandeira ou a Coca-Cola, así como a política de Great Society. Por outra banda, tamén organizaban eventos coma o Mass Antiwar Mail-in; nesta obra teatral urbana, bolsas de lixo negras simulaban os corpos mortos dos soldados regresados. Secasí, tamén existíu arte museístico; destaca o Blood Baths en contra das violacións en Vietnam. Por último, o arte empregouse tamén para as folgas; a través de diversas organizacións antibelicistas, os museos pecharon as súas portas en sinal de protesta contra a Guerra de Vietnam: destaca o peche con piquetes no Metropolitan Museum (Nova York).

As protestas contra Vietnam tamén aglutinaron a personaxes relevantes e líderes políticos do momento, destacando a Martin Luther King Jr., Mohamed Alí ou César Chávez. Paralelamente, movementos que cuxa principal razón de ser non era a protesta contra a guerra tamén se uniron. Destacan así o Gay Liberation Movement, o Native American Movement e grupos ecoloxistas. Debemos destacar, tamén, ao grupo de curas activistas que formaban parte da Catholic Antiwar Organization. Estes últimos daban charlas contra a guerra nas igrexas, queimaban as cartas de recrutamento con Napalm, ou vertían sangue sobre elas. Buscaban captar a atención da opinión pública e dos grandes medios de comunicación.

Á altura do 1968, as protestas contra a guerra chegaron ás altas instancias da vida política estadounidense. Demócratas coma Robert Kennedy e Eugene McCarthy chegaron a desafiar ao presidente norteamericano Lindon Johnson (tamén demócrata) presentándose ás presidenciais dese ano paralelamente ao líder demócrata. As manifestacións máis coñecidas déronse o 15 de abril e o 22 de outubro dese ano: a famosa marcha polo capitolio e a marcha sobre o Pentágono. A partires desta última, tódalas marchas comezarán a caracterizarse por unha resposta policial baseada na infiltración de axentes do FBI, así como campañas de difamación e supresión das becas para os estudantes que participasen nas protestas. Ademais, eran investigados a través da Snitch-Jacket. En contraposición a estes escándalos, W. Scranton fundou a Commission on Campus Unrest; esta tiña como obxectivo condear a represión policial e prever os asaltos nos campus universitarios.

Outra marcha coñecida foi a toma do sector financeiro de Wall Street, paralizando así a súa actividade; convocáronse protestas lanzando dólares americanos polos aires, unha mensaxe claramente satírica e chacota. Moitas das universidades onde se elaboraban os materiais tóxicos enviados a Vietnam foron testemuñas das protestas dos seus propios estudantes contra dita fabricación. Por outra banda, na convención demócrata de Chicago do 1968 cortáronse estradas e pontes como método de protesta, frustrando así as operacións do goberno. Moitas destas marchas foron publicadas en traballos coma o de Norman Mailer: The Armies of the Night.

A partires da ofensiva do Tet, esta situación vai mudar, Estados Unidos non podía seguir explotando as arcas para unha guerra que estaba a piques de perder. Ao mesmo tempo, novos actores entrarán en escena nas protestas, moderando o seu carácter xuvenil, será o momento dos actores de cine e sobre todo do colectivo de Veteranos que xa voltaran da guerra do Vietnam para mostrar unha crúa realidade a sociedade estadounidense. Todo isto verémolo na seguinte entrega.

 

Bibliografía

Bruno, Diego. “La lucha popular en los Estados Unidos de los 60 y la ofensiva del Tet”,XII Jornadas Interescuelas-Departamentos de Historia, Departamento de Historia, Facultad de Humanidades y Centro Regional Universitario Bariloche, Universidad Nacional de Comahue, San Carlos de Bariloche, 2009, 1-15.

De los Ríos, Patricio. “Los movimientos sociales de los años sesenta en Estados Unidos:un legado contradictorio”, Sociológica, núm. 38, vol. 13, 1998, 13-30.

García, Daniel. “Protesta y política: los movimientos anti-guerra Estados Unidos, 1965- 1975”, Historia Crítica, núm. 1, 1989, 33-67.

García Martín, Juan Andrés. “La guerra de Vietnam: una mirada a través de la canción protesta estadounidense”, El Futuro del Pasado, núm. 9, 2018, 85-120.

Gonzales, Jane. “Art and the Anti-Vietnam War Movement”, tese de doutoramento, San Diego State University, 2013.

Zunes, Stephen e Laird, Jesse. “The US Anti-Vietnam War Movement (1964-1973)”, International Center on Non Violent Conflict (INCN), 2016, 1-6.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *