40 anos das eleccións municipais do 3 de abril. A importancia da cuestión local na Transición.

Brais Ferreiro Ares

O pasado 3 de abril cumpríronse 40 anos da celebración das primeiras eleccións municipais tras a Ditadura franquista. Foi un acontecemento de gran importancia na nosa historia recente, xa que o poder local foi o último dos existentes en ser democratizado: pasaron seis anos dende a última renovación parcial franquista (1973), catro dende a morte de Franco (1975), tres dende a aprobación da Lei para a Reforma Política e de que o Goberno decidira pospoñer os comicios locais até despois das eleccións xerais (1976), dous dende as primeiras eleccións xerais tras a Ditadura (1977), catro meses dende o referendo da Constitución (6 de decembro de 1978) e un mes dende as segundas eleccións xerais (1 de marzo de 1979). Polo tanto, sen contar co poder autonómico, que aínda estaba a ser posto en marcha, o local foi o último en ser democratizado.

Podemos pensar en dous motivos principais para que Suárez optara por pospoñer esta democratización: desenvolver con maior eficacia o proceso de Transición -moito máis sinxelo operar dende un único poder central e non xunto a miles locais- e ter tempo suficiente para garantirse uns bos resultados electorais, para o cal foi fundamental o aproveitamento ao máximo dos resortes dun Estado que controlaban dende a mesma morte de Franco, nomeadamente os Gobernadores Civís.

As Corporacións antes das eleccións do 3 de abril adquiriran unha ilexitimidade crecente, especialmente dende as eleccións do 1977: era unha contradición de gran envergadura que xa existiran Cortes democráticas pero non Corporacións democráticas. Ademais, a última renovación parcial franquista -as “eleccións municipais” do franquismo- tivera lugar no 1973. O normal tería sido ter outra no 1976 -xa que se producían cada tres anos-, pero mediante o Real Decreto-lei 17/1976 o Goberno ordenou pospoñer as eleccións municipais até despois das eleccións xerais, e non foi até xullo do 1978 cando se publicou a Lei 39/1978, que permitiría a celebración das eleccións do 3 de abril.

Así chegamos á cita electoral do 3 de abril, momento de preguntarse cales foron os significados destas eleccións. Un deles é que se tratou dun proceso con varias limitacións. Seguindo a Quirosa-Cheyrouze e Fernández (2010) eran tres. En primeiro lugar, a data elixida, pouco tempo despois do referendo da Constitución e un mes despois das eleccións xerais, non favoreceu a participación. En segundo lugar, o censo presentaba irregularidades tales como a presenza de persoas falecidas ou a ausencia de persoas entre 18 e 21 anos -que viñan de incorporarse ao censo- e tampouco quedaba garantida a seguridade do voto por correo. Finalmente, e como xa mencionamos, a UCD era a única que tivo o privilexio de dirixir o proceso á súa medida dende o Goberno do Estado.

Principais resultados das eleccións municipais do 1979 en Galiza. Fonte: Ministerio del Interior e Márquez Cruz (1993).

En vista dos resultados electorais en Galiza -que se poden consultar na táboa e se poden ampliar neste enlace seleccionando o proceso electoral correspondentes-, outro dos significados do 3 de abril é que a xogada saíu perfecta para a UCD. Foi a clara gañadora en todos os aspectos sinalados na táboa, logrando unha gran distancia porcentual en cada un deles.

As eleccións do 3 de abril significaron tamén a constatación da desigual implantación territorial dos diferentes partidos. Neste aspecto tamén foi a UCD, grazas ao aproveitamento dos Gobernadores Civís, quen conseguiu presentarse na práctica totalidade dos concellos galegos, a bastante distancia das outras forzas estatais. Dentro das forzas nacionalistas, é o BN-PG -coalición conformada por UPG e AN-PG- quen recolleu agora os froitos das loitas do tardofranquismo e da Transición nas que participou a órbita da UPG, podendo así presentarse en algo máis da metade dos concellos galegos. A outra forza nacionalista, a coalición UG, apenas logra presentarse no 13,7% dos concellos, a consecuencia de estar formada por partidos máis pequenos -PSG, POG e PG-. Porén, resulta sorprendente que o BN-PG só teña un 0,92% máis de votos ca UG e que ambos obtiveran as mesmas alcaldías.

Sen dúbida, estas eleccións tamén significaron unha certa continuidade entre o franquismo e a democracia. Seguindo a Márquez (1993), dos concelleiros elixidos o 3 de abril en Galiza, o 12,1% eran concelleiros ou alcaldes no 1973, cifra que aumentaría até o 15,6% se contamos aos candidatos non elixidos no 1973. Dentro deles, o 93,8% dos que continúan fano a través de UCD, CD ou AEI. As cifras son máis sorprendentes no caso dos alcaldes. Dos elixidos no 1979, case a metade (152; 48,7%) teñen relación coa renovación parcial de 1973: 102 repiten no cargo (32,7%), 43 foran concelleiros (13,8%) e 7 foran candidatos (2,2%). Só 160 non tiñan vinculación coas renovacións parciais (51,2%).

Polo tanto, a cuestión local na Transición era de suma importancia e ten moitos significados. Proba diso é o tempo que fixo falta para que a UCD se atrevera a convocar unhas eleccións que suporían a chegada da democracia a todos os lugares do Estado e se asegurase unha clara vitoria, que permitira á súa vez que gran parte das elites do tardofranquismo continuasen no poder, xunto a CD e algúns independentes.

Por ser o poder máis próximo ao habitante, os estudos sobre a Transición local son máis que pertinentes e, para ben ou para mal, aínda quedan moitas preguntas por facer e moitas respostas por obter por parte da historiografía galega.

ABREVIATURAS

AEI Agrupacións Electorais Independentes AN-PG Asemblea Nacional-Popular Galega BN-PG Bloque Nacional-Popular Galego CD Coalición Democrática PCG Partido Comunista de Galicia PG Partido Galeguista POG Partido Obreiro Galego PSG Partido Socialista de Galicia PSOE Partido Socialista Obrero Español PTG Partido do Traballo de Galicia UCD Unión de Centro Democrático UPG Unión do Povo Galego UG Unidade Galega

FONTES

  • Boletín Oficial del Estado (BOE).
  • Consulta de resultados electorais do Ministerio del Interior.

BIBLIOGRAFÍA

  • Beramendi, J. e Núñez Seixas, X.M. O nacionalismo galego (Vigo: Edicións A Nosa Terra, 1996).
  • Fernández Amador, M. e Quirosa-Cheyrouze y Muñoz, R. Poder local y transición a la democracia en España (Granada: CEMCI,2010).
  • Grandío Seoane, E. (ed.) La Transición en Galicia (Madrid: Eneida, Asociación de Historiadores del Presente, 2015).
  • Márquez Cruz, G. M. “La Transición Local en Galicia. Continuidad de las élites políticas del franquismo y renovación de los gobiernos locales” en Revista de estudios políticos. Nº 80 (1993): 39-120.
  • Quirosa-Cheyrouze y Muñoz, R. (ed.) Los partidos en la Transición: las organizaciones políticas en la construcción de la democracia española (Madrid: Biblioteca Nueva, 2013).
  • Real López, A. “Las derechas en Galicia ante el panorama político municipal. Alrededor de las Elecciones Municipales de 1979” en Martos Contreras, E., Quirosa-Cheyrouze y Muñoz, R. e Sabio Alcutén, A. (eds.) . 40 años de Ayuntamientos y Autonomías en España (Zaragoza: Servicio de Publicaciones de la Universidad de Zaragoza, 2019).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *