“Marcharon con todo”: a lóxica das represalias económicas en Galicia durante a Guerra Civil (1936-1937)

Mateo Martínez Torres

O título deste breve artigo comparte parte do seu enunciado coa obra de Julio Prada Marcharon con todo: La represión económica en Galicia durante el primer franquismo. O emprego da expresión non é baladí, xa que describe dun xeito magnífico o que supuxeron as extorsións económicas que levaron a cabo os rebeldes nos días posteriores ao golpe e nos primeiros meses de Guerra. O estudo destas comezou a finais do s. XX, cando irrompeu con forza no ámbito académico unha liña de investigación centrada na violencia exercida polos rebeldes no verán de 1936. Aproveitando o dito impulso, pronto se fixo visible que os mecanismos represivos aplicados polos golpistas foron plurais; porén, a investigación sobre o impacto das disposicións en materia de extorsión económica ocupan aínda hoxe un lugar subsidiario con respecto a outras manifestacións da violencia dos sublevados.

Dentro das represalias económicas englóbanse as incautacións, multas e todo tipo de sancións impostas polos gobernos civil e militar. Tamén entran nesta acepción as exaccións económicas exercidas por milicianos, con auténticos atracos a man armada que quedaron impunes, e as supostamente “voluntarias” Supscripciones Patrióticas. Estas últimas ocultaban prácticas que só se poderían denominar como incautacións encubertas feitas por calquera persoa que se vira obrigada a contribuír a raíz do clima de coacción existente.

Tralo verán de 1936, as represalias económicas estiveron suxeitas e coordinadas polo Decreto Nº 108 da Junta de Defensa Nacional do 13 de setembro de 1936, e dende principios do ano seguinte, polo Decreto-lei do 10 de Xaneiro de 1937. Este último documento sería o que regularía todas as represalias económicas ata a promulgación da Lei de Responsabilidades Políticas do 9 de febreiro de 1939. Secasí, esta institucionalización non debe facernos caer nunha distinción entre «violencia en quente» e «violencia institucional».

Decreto nº 108 da Junta de Defensa Nacional (Burgos, 16 de setembro de 1936)

Os crimes na retagarda comezan case ao mesmo tempo que os sublevados toman o mando, xeneralízanse nos primeiros días de agosto e continúan medrando ao longo de 1936 e parte de 1937. Tal e como estaba previsto nas Instrucións do Xeneral Mola, a execución do golpe e a declaración do estado de guerra polos rebeldes debía ser acompañada da aplicación dunha violencia de grande intensidade. Así, malia que no ámbito económico as primeiras extorsións se levasen a cabo en ausencia de calquera referencia legal que as abeirase, ocorreron sempre baixo o control dos rebeldes (cunha colaboración civil xa prevista e traducida na formación de milicias de primeira e segunda liña baixo control militar) e seguiron a lóxica da «purga política» estipulada, como dixemos, nas Instrucións do Director.

O feito de que o castigo aos opoñentes políticos se efectuara por vía xudicial di moito sobre a necesidade do «Estado campamental» de monopolizar a violencia e evitar as accións descontroladas que puideran socavar unha precaria lexitimidade sustentada basicamente na «vitoria». Os procedementos levaban consigo un notable investimento de tempo, un proceso de burocratización considerable e implicaba á sociedade civil ao requirir da súa colaboración mediante informes, avais e testemuñas. Deste xeito, a aplicación da lei do 1937 alentou a dinámica delatora propia das sociedades en guerra, que se estendeu tamén á posguerra.

O carácter retroactivo das sancións rachaba coas convencións xurídicas da época ao saltarse o principio de nullum crime nulla poema sine praevia lege, unha práctica que estivo presente nas accións punitivas dos estados europeos trala liberación do xugo nazi e quedaría sancionada pola xurisdición creada nos Xuízos de Nüremberg (maio, 1945). A situación económica do acusado non era avaliada obxectivamente, senón a través dos informes de entidades de poder como alcaldes, delegados gubernativos, párrocos ou xefes locais de Falanxe, e eran poucos os que se atrevían a recurrer dado o clima de terror existente.

Comprender a intencionalidade dos sublevados é fundamental para entender a lóxica das incautacións e sancións económicas levadas a cabo na retagarda. A «purga económica» contra os vencidos non podía ser efectuada sen a colaboración activa e gustosa das autoridades locais. Foi a intencionalidade destas figuras de poder a que lles permitiu recadar información para que os organismos creados en xaneiro do 1937 e febreiro de 1939 estivesen en condicións de ditar unha sentencia trala incoación dos expedientes de responsabilidades civís e políticas.

As depuracións e outras actividades coercitivas, ademais dunha intencionalidade implicitamente punitiva, perseguían un fin económico vencellado á urxente necesidade recadatoria provocada polos contiosos gastos da Guerra. Diversos historiadoras e historiadores establecen equivalentes entre as disposicións establecidas polo goberno de Burgos e as implementadas na zona republicana. É común establecer un símil coa Caja General de Reparaciones, creada por un decreto o 23 de setembro do 1936, ou o Tribunal de Responsabilidades Civiles, formado o 7 de outubro do mesmo ano. Aínda que é certo que ambas entidades comezaron a funcionar debido á necesidade de controlar a gran masa de bens dos rebeldes e desafectos que estaban a ser ocupados e incautados na zona republicana, estas non contaban coa intencionalidade que existía na fría lóxica de aproveitamento dos recursos que provoca o asasinato do outro: a lóxica xenocida.

A foto de portada correspondese coa visita de Francisco Franco e Ramón Serrano Suñer ao mosteiro de Sobrado dos Monxes (A Coruña) o 5 de decembro de 1938. [Fonte: Arquivo da Biblioteca Nacional]

BIBLIOGRAFÍA

-Cenarro, Ángela. “La Ley de Responsabilidades Políticas” en Casanova, Julián; Cenarro, Ángela (coords). Pagar las culpas. La represión económica en Aragón (1936-1945). Barcelona: Crítica, 2014

-Fernández Prieto, Lourenzo; Míguez Macho, Antonio. “Nomes e voces: balance, preguntas e interpretaciones. Las huellas del golpe de Estado en Galicia” en Fernández Prieto, Lourenzo; Artiaga Rego, Aurora (eds.). Otras miradas sobre Golpe, Guerra y Dictadura. Historia para un pasado incómodo. Madrid: Catarata, 2014

-Míguez Macho, Antonio. Xenocidio e represión franquista en Galicia. Santiago de Compostela: Lóstrego, 2009

-Moreno, Nacho. Por el bien de la Patria y de la Justicia. Denuncias e informes de las autoridades aragonesasen Casanova, Julián, Cenarro, Ángela. (coords.). Pagar las culpas. La represión económica en Aragón (1936-1945). Barcelona: Crítica, 2014

-Prada Rodríguez, Julio. Marcharon con todo. La represión económica en Galicia durante el primer franquismo. Madrid: Biblioteca Nueva, 2016

Prada Rodríguez, Julio. “Los mecanismos de extorsión económica en Galicia durante los primeros meses de la Guerra Civil”, Historia Actual Online, núm. 41 (2016): 109-123

-Prada rodríguez, Julio. “Las Comisiones Provinciales de Incautación de Bienes en Galicia (1936-1939)”, Ayer, núm. 109 (2018): 297-323

-Sánchez Recio, Glicerio. La República contra los rebeldes y los desafectos. La represión económica durante la Guerra Civil. Alicante: Universidad de Alicante, 1991

-Souto Blanco, María Jesús. La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940). A Coruña: Edicións do Castro, 1998

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *