Memoria para consumo de masas

José Carlos García Vega

Os pobos latinos pensaban que boa parte da nosa memoria residía no corazón (cor), e por iso cando falaban de lembrar algunha información pasada referíanse a “traela de novo” a el, re(cor)dari. Certo é que a nosa percepción mudou bastante de 2000 anos para aquí; o avance das ciencias da natureza revelounos que todo iso de lembrar ten moito máis que ver cos “hipocampos”, algo do que as persoas da antigüidade tamén poderían falar moito. Porén, creo firmemente que non estaban tan errados na primeira hipótese, e que realmente existe un xeito de memoria que ten moito máis que ver co “corazón” que coa mente, máis cos “sentimentos” que coa percepción sensorial.

Cóntome entre os millóns de persoas afortunadas que non viviu unha guerra na súa vida, mais podo dicir que si me lembro dunhas cantas. Mesmo son capaz de falar abondo sobre o terribles que foron Vietnam ou as Guerras Mundiais, seus porqués e significación. Ante min, que non pisei Normandía, desfilan imaxes de soldados estadounidenses correndo pola praia Omaha cara niños de metralladora, de caravanas de refuxiados, de sacos de area, de bosques ardendo en estoupidos de napalm no sureste asiático. Son capaz de indignarme por todo isto e sentir mágoa, e de emocionarme pensando na chegada da paz. Non estiven alí, nin en nada semellante, pero sei que Treblinka deu a volta ó mundo para subir o inferno á Terra. Véxoo dun xeito absolutamente real, non coa distancia de quen le un conto calquera. Teño memoria do que pasou e, para colmo, son uns recordos que comparto con todas as persoas que coñezo, de xeito que coincidimos e podemos debater, inclusive, ao falar de todo isto. Pero non se basea en información adquirida pola experiencia, senón en narracións visuais e escritas –por esa orde– que fomos interiorizando, e que impregnaron todo ó noso redor dende que nacemos.

Isto é, formamos parte da gran “memoria histórica”, que nos transmitiu actitudes, sentimentos, informacións e estéticas do pasado que condicionan noso xeito de ollar cara el. Isto xa non é, como fai anos, grazas aos relatos orais e familiares, senón á exposición aos medios de masas: cinema –A chaqueta metálica, Inimigo ás portas, Forrest Gump, a Lista Schlinder, O neno do pixama a raias, Salvando ó soldado Ryan, Corazóns de Aceiro…–, libros de ficción – sexa felicitada quen lera O festín da morte, de Díez de Palma–, cómic e, como xa adiantamos noutro artigo, dos videoxogos. Os medios audiovisuais en xeral conseguiron nos séculos XX e XXI o que antes só se puidera de xeito moi limitado: que os relatos da memoria se asocien con imaxes e cunha estética determinada.

Fotograma da película A Chaqueta Metálica (Kubrick, 1987)

O feito fíxose máis relevante na actualidade, cunha cultura crecentemente globalizada. Todos os filmes citados máis arriba son populares e coñecidos en Occidente e boa parte do resto da orbe. De feito, a súa influencia esténdese dende o mundo anglosaxón en xeral e estadounidense en particular. Isto resulta interesante cando nos detemos a observar as teorías que se manexaron ata o de agora no campo da memoria: Maurice Halbwachs [1] falaba de que a memoria do individuo está conectada sen remedio á dos colectivos a que pertence, e que un deles era a Nación. Porén, hoxe en día estamos a ver como a nosa memoria histórica xa non depende tanto dos relatos “nacionais” propios –visto que se extende por vieiros en que a nosa “Nación” non percorreu nunca, como a Shoá–, senón alleos. A comercialización dun relato nacional estadounidense, verbo da hexemonía económica deste país, das súas empresas, que xestionan e posúen os principais medios de masas, contribuíron a internacionalizar un relato autóctono e a tornalo transnacional. Isto fomentou a aprehensión do mesmo por parte do amplísimo colectivo que é Occidente, dando lugar a que, para lograr a identificación co grande público, fose asumido tamén polos axentes creadores de cultura de masas máis aló das fronteiras de EEUU, o que redunda nun ciclo retroalimentado: a poboación asume o relato da potencia hexemónica, o que obriga ás periféricas a facer o propio para desenvolverse de xeito exitoso, e isto, á súa vez, reforza dita asunción. Nunha frase, hoxe asumimos a memoria histórica que nos venden –literalmente– e nos venden a memoria histórica que temos interiorizada. En palabras de Alberto Venegas, isto da lugar a :

“el abandono de la memoria nacional y la aceptación como propia de otra memoria, foránea y diferente a la nacional, homogeneizando la percepción del pasado y entendiendo el presente a través de claves y conceptos estadounidenses” [2]

Así, estamos acostumadas a que os protagonistas das nosas “Historias” falen inglés, leven unha bandeira estrelada, se chamen Joe e Adam –as menos das veces, Kate ou Sarah–, celebren o “Día de Acción de Grazas” e, moi importante, sexan patriotas, heroes individuais, brancos, masculinos, e toda unha serie de valores que este artigo non ten por obxecto desenvolver. Estamos ante unha “memoria colectiva” que xa non obedece ás lóxicas de socioloxía e da antropoloxía, senón da globalización.

No entanto, podemos darnos de conta de que estes valores pertencen ao ideario estadounidense máis tradicional. Claro está que a adaptación aos estándares da cultura de masas por parte da industria audivisual e de videoxogos, “videolúdica”, terminará por mudarlos en boa medida, o que xa comezou a asomar, por exemplo, coa inclusión de personaxes femininos nas recentes entregas de Call of Duty WWII ou Battlefield 5, algo inimaxinable fai uns anos.

Call of Duty 2 (2005)

Outro tipo de transmisión en chave conceptual, son precisamente as estéticas e imaxes que asociamos a determinados eventos históricos, reais ou non. Estas permearon a memoria e se integraron, como tales, na cultura, co que forman parte, non só da visión do pasado en si, senón da vida diaria. A través delas, o pasado, visible e palpable, posúe un amplo e importante papel na vida diaria e no máis “mundano”, coma calquer produto de consumo. Ao cabo, a nosa visión do pasado tende a ligarse moito máis ás imaxes, que se re(cor)dan mellor e son máis mercantís, que cos textos historiográficos.

Bibliografía

[1] HALBWACHS, Maurice. La memoria colectiva (trad. De Inés Sancho-Arroyo). Zaragoza: Prensas Universitarias de Zaragoza, 2004.

[2] VENEGAS RAMOS, Alberto, “Entre el cine y el videojuego: ética y estética en las producciones sobre la II Guerra Mundial”, en Videojuegos e historia: entre el ocio y la cultura, ed. Juan Francisco Jiménez Alcázar y Gerardo Fabián Rodríguez, 87–110. Murcia: Servicio de publicaciones de la Universidad de Murcia, 2018.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *