Reflexións ao redor do problema do ser en Heidegger

Raúl Lojo Dieste

   O home mantén unha relación un tanto enigmática co ser. O feito de que o pensar do ser humano estea aberto ao ser é o que posibilita que ante el se abra un mundo e, en consecuencia, poda habitalo. O ente aparece deste xeito “na luz do ser como iso ente que é”. É dicir, as cousas amósanse ao home como o que son nun contexto ou marco, unha totalidade significativa na que os elementos manteñen unha relación de mutua referencia. A este marco nomeámolo “mundo”. O mundo só pode darse en tanto que o home mantén unha relación co ser. Con todo, o ser ten que ser comprendido como destino. Deste modo, non se trata de que o home, pensando, produza o ser. De feito non hai home previamente ao ser, e tanto o home coma o mundo son en virtude de que se pensa o ser. O ser tampouco é algo obxectivo, que se poida concibir estando aí antes de que se lle dea ó home. Ser e pensamento (home) son ó mesmo tempo, e ningún independentemente do outro.

   Outra cuestión importante é que para Heidegger o ser non pode ser pensado como un ente. Pola contra, o ser precede a todo ente. Toda cousa é en virtude de que “hai” ser. Esta idea pode ser capturada na seguinte intuición: nunha oración do tipo “o ser é…”, o estatuto do verbo cópula “é” queda, precisamente, indeterminado. A cuestión do ser é, xustamente, a de cal pode ser o sentido deste verbo cópula. Mais isto fai xurdir a dificultade de que “o ser” poida ocupar a posición de suxeito nunha oración, é dicir, que poida ser tratado como un ente. Reparemos en que a posibilidade da construción dunha oración deste tipo cun ente calquera, sexa: “o zapato é…”, depende en última instancia de que teñamos xa algunha noción do que quere dicir “é”. Segundo Heidegger, sempre temos unha precomprensión do sentido do ser. Desta precomprensión depende que as cousas sexan o que son e que poidamos formular este tipo de enunciados. É claro entón que, se queremos tematizar o ser, dicir o que este “é”, xa estaremos presupoñendo un determinado sentido do ser. En consecuencia, a tematización non é posible. Como dicíamos, o ser non é un ente.

   Porén, a Filosofía interpretou a cuestión erradamente, de acordo con Heidegger. Se ben os primeiros filósofos gregos comprenderon ben o problema do ser, posteriormente se mal interpretou. O problema da metafísica sempre foi o problema do aparecer, isto é, o proceso polo que as cousas veñen á presenza e se manifestan no que son. A cuestión sería, ¿en que consiste ese aparecer? O que ocorre é que mentres que o home se mantén na apertura do ser, este fai sobrevir ao ente, desencóbreo. Mais ao mesmo tempo este queda oculto, non vén á presenza coma os entes. As diferentes doutrinas filosóficas, máis ou menos a partir de Platón, abordaron o problema do ser de xeito que tentaron buscar aquilo que, estando máis alá do ente, o funda e o constitúe no seu ser. Pero claro, identificando este fundamento como un ente. Trataron ao ser ben dende a xeneralidade do concepto, é dicir, pensando naquilo que é común a tódolos entes, ou ben en tanto que fundamento que se constitúe en causa dos entes mundanos. Platón sería un bo exemplo. Recordemos que para este filósofo o verdadeiro é a idea. A idea é fundamento que transcende aos entes presentes. Este termo en grego está relacionado cun sentido de “ver”, alude á visión. Sería entón a figura ou forma das cousas visible ao intelecto. Esta pode ser identificada coma o ser das cousas, a causa transcendente que lles dona realidade. Velaí pois o tratamento do ser coma se fose un ente.

   En que consiste logo a proposta de Heidegger? Como cómpre abordar a cuestión do ser? Queda claro xa que non se trata de chegar a unha determinación. Ó meu parecer pensar o ser para Heidegger vai comportar o recoñecemento do carácter histórico ou temporal do ser e o pensar. A metafísica na época contemporánea aparece -porque así se nos da o ser de acordo co seu destino- como historia, como historia das sucesivas comprensións do ser que conduciron a un esquecemento progresivo do mesmo. No seu final, a metafísica consumarase coma o rexeitamento da transcendencia do ente, o recoñecemento do ser como unha nada. E Heidegger recoñece este momento negativo: en certo modo o ser non é nada, pois desde logo non é un ente. Mais na pertenza ao ser, e levando a verdade do mesmo á linguaxe, o pensamento fixa un modo de comprensión do mundo e os entes. O que se dá historicamente é unha sucesión de modos de comprensión. Deste xeito, o ser carece dun carácter fixo e determinado e podemos falar de distintas épocas do ser.

   A cuestión non remata aquí, porque nós mesmos estamos situados nunha época, na época do nihilismo, e polo tanto estamos situados nunha determinada apertura ao ser. Se quixéramos definir o ser como “devir”, como “nada”, ou de calquera xeito que se nos ocorra, estariamos incorrendo no erro que Heidegger advirte repetidamente. Xa que logo, a idea de Heidegger sería, segundo un heideggeriano como Vattimo, a de manterse na apertura ao ser. Na nosa época, na que este precisamente se revela como nada -en tanto que non-ente e non determinado-, Heidegger propón manter unha actitude dialóxica, na que o marco de comprensión se expoña á redefinición e caia a pretensión de remitirnos a un fundamento rexo como pretendera a metafísica.

(*) Ao longo do artigo aparecerá o concepto home/muller indistintamente sen ter connotacións de xénero. Non se sustitúe por outros conceptos por posibles erros de interpretación que poida xurdir. Ademais, é a tradución correspondente ó termo que utiliza Heidegger en “Carta Sobre o humanismo” (texto ao partir do cal xurdiu o artigo).

Bibliografía

Heidegger, Martin. Carta sobre el humanismo (Madrid: Alianza, 2000).

Leyte, Arturo. Heidegger (Madrid: Alianza, 2005).

Martínez Marzoa, Felipe. Ser y diálogo: Leer a Platón (Madrid: Itsmo, 1996).

Vattimo, Gianni. Introducción a Heidegger (Barcelona: Gedisa, 1998).

Vattimo, Gianni. Más allá de la interpretación (Barcelona: Paidós Ibérica, 1995).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *