A retórica ruralista no nacionalismo galego: entre a utopía e a praxe (1916-1923)

Carlos Quivén Sánchez

   Nos albores do século XX, Galicia era a rexión máis rural do Estado español por poboación e polas súas actividades económicas. O crecemento demográfico que se dera no XIX foi absorbido polo mundo rural e non se produciu unha urbanización potente, de modo que se consolida o policentrismo urbano, na medida en que non había unha cidade reitora do territorio. Así, as aldeas dominaban sobre o territorio e as cidades apenaseran son capaces de xerarquizalo, só as vilas portuarias terán maior capacidade de proxección exterior. Isto, en definitiva, revela a hexemonía do rural sobre o urbano.

   Tendo en conta este panorama, semella obvio que o leitmotiv do discurso nacionalista galego fose o mundo rural como xeografía imaxinada e o campesiñado como clase nacional á que apelar para espertar a súa consciencia de selo. Coa fundación das Irmandades da Fala, a creación de A Nosa Terra en 1916 e a definitiva superación das teses rexionalistas na Asemblea de Lugo de 1918, o nacionalismo comezou a emerxer en Galicia como un movemento sociopolítico que aspiraba a mobilizar ás masas.

   Tal e como apunta Miguel Cabo o nacionalismo galego, «tanto na súa formulación neotradicionalista como na liberal-democrática, ofrecía un moi favorable punto de partida para a integración do campesiñado no seu proxecto». En tanto que o campesiñado era concibido de forma homoxénea, será exaltado como garante das esencias nacionais e a personificación das virtudes tradicionais, sendo portador da etnicidade que precisaba do empurrón dunha elite ilustrada para espertar a súa conciencia nacional. A principal manifestación desta quintaesencia que era o campesiñado para os nacionalistas era o idioma, o galego, e era precisamente no rural onde o seu uso era habitual, onde mellor ficara preservado como sinal de identidade.

   A pesar de que o nacionalismo galego foi desde os seus inicios un movemento de clase media urbano, o certo é que presentou unha grande hostilidade cara as cidades, sobre todo cara o seu proletariado. Eran conscientes de que os obreiros, imbuídos polas ideas internacionalistas do marxismo e o anarquismo, dificilmente poderían constituír a masa social á que mobilizar en prol do autogoberno de Galicia.

   O agrarismo constituírase nos primeiros anos do século XX coma un movemento complexo, que experimentará diversas fases de evolución, baseado na intensa mobilización social dos pequenos campesiños cunha considerable capacidade de encadramento, en tanto que as sociedades agrarias presentaranse como plataformas instrumentais ás que o campesiño podía acudir en busca de solucións para os seus problemas. Derivado dese utilitarismo do que facían gala, será considerado este un movemento apolítico no sentido de rexeitar calquera influencia allea (partidos estatais) e da atribución de etiquetas ideolóxicas, dado pretendían integrar a todos os campesiños para facer valer as súas esixencias con maior eficacia ante os caciques. Na medida en que os nacionalistas consideraban que o campesiñado non estaba representado por un proxecto que os guiase tanto espiritual como moralmente e que non tiñan unha fidelidade definida como os obreiros, vían neles o potencial necesario para dar o salto como auténtico movemento de masas.

   Así pois, a postura do nacionalismo, representado á altura dos anos dez polas Irmandades, adoptou a tese da «froita madura» na que se plantexaba que o agrarismo, con todo o seu potencial mobilizador, acabase por caer nas mans dos nacionalistas de xeito natural. Esperaban que o societarismo se decantara polos galeguistas na súa acción política a cambio de contrapartidas tanxibles, ao mesmo tempo que sería inevitable que entendesen que non poderían ser resoltos os problemas do agro sen tomar consciencia da realidade diferenciada de Galicia xa que o centralismo do Estado nin representaba nin aspiraba respostar os intereses galegos.

   O ruralismo adoptado pola retórica nacionalista conduciu, emporiso, a unha idealización acrítica do rural que supuña unha traba á hora de interpretar realmente cales eran os problemas socioeconómicos do agro galego, atribuídos estes na súa totalidade a causas externas derivadas da subordinación ao Estado español e da incidencia do modelo capitalista. Deste modo resultáballes sinxelo artellar un discurso maniqueo no que o urbano era o contrapunto do rural, a desgaleguización fronte a galeguidade. Así o expresaba Villar Ponte nun mitin en Ferrol en 1917:

Fixádevos no que é oxe Galicia. Unhas cantas cibdades e vilas, cheas de señoritos desertores do traballo, chulos da credencial, zánganos do trobo da colmea centralista, sen alma e sen fe (…) E logo unha Galicia rural, unha Galicia traballadora –que é toda Galicia pro caso (…) que está inédita prá cidadanía, que vexeta estambullada ao marxen das leises, esquencida de todo, como forza morta, sendo, siñores, a úneca viva, a úneca que nos dará o progreso xeneral que nos cadra pol-a nosa natureza (…) Hai que declarar en quebra o espírito vilego, espírito de recuncho bretemoso que semella tea de araña, pra afirmar que Galicia redimida do porvir, fica n’unha fonda hexemonía labrega.

   A loita de clases non era aplicable nun mundo rural galego dominado polos pequenos propietarios. Por iso, o interclasismo e a defensa da pequena propiedade achegará a nacionalistas como Losada Diéguez e Peña Novo ao agrarismo confesional, pensando en manter a estabilidade social xunto coas esencias da nación. Os galeguistas empregarán conceptos que lles farían moverse entre o utilitarismo e o espiritual, de maneira que o cooperativismo defendido polo agrarismo subsanaría as limitacións da pequena explotación mentres que, como vertente moral, reactualizaba as tradicións comunitarias e de axuda mutua.

   Após do fracaso electoral dos nacionalistas en 1918 as Irmandades propoñen unha estratexia baseada no proselitismo e na difusión do seu ideario de maneira máis activa entre as sociedades agrarias, conscientes sobre todo do éxito de mobilización que vían nos mitins agraristas aos que a xente acudía a escoitar as «arroutadas verbais» de Basilio Álvarez. Os galeguistas tomarán parte neste tipo de actos públicos e estarán presentes nas diferentes asembleas e congresos agraristas adoptando boa parte das súas resolucións, como a redención foral asumida en 1919.

   Con todo, aínda que é certo que os nacionalistas conseguiron gañarse a simpatía dun feixe de sociedades, a súa feble postura durante estes anos impediu que se pasase dos xestos simbólicos á praxe a través dunha colaboración máis estreita, mesmo diríamos que orgánica. Tan só entre 1922 e 1923 deuse unha aproximación máis seria por parte da Irmandade Nazonalista Galega de Risco, escindida na IV Asemblea celebrada en Monforte en 1922, á Confederación Regional de Agricultores Gallega creada no Congreso Agrario de Tui en xullo dese mesmo ano na que se atopaba Basilio Álvarez e na que se asumiu a autonomía de Galicia. Pero, após da derrota nas urnas en 1923 e co golpe de Estado de Primo de Rivera a situación mudaría radicalmente e non podemos saber se estes contactos frutificarían finalmente nun ansiado partido agrario.

Bibliografía

Beramendi González, Xusto. De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo: Xerais, 2007

Cabo Villaverde, Miguel. O agrarismo. Vigo: Edicións A Nosa Terra, 1998

Cabo Villaverde, Miguel. «As Irmandades perante o agrarismo: expectativas e realidades», en J. Beramendi, U.B. Diéguez, C. Fernández Pérez-Sanjulián, Mª P. García Negro e X.M. González Reboredo (eds.), Repensar Galicia: As Irmandades da Fala. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 2017. pp. 235-249.

Fernández Prieto, Lourenzo e Cabo Villaverde, Miguel. «Agrarismo y regeneracionismo en la Galicia de comienzos del siglo XX. El discurso del regionalismo agrícola», Agricultura y Sociedad, 86, 1998. pp. 133-162.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *