Vixilantes e silentes. A gárgola como elemento plástico na arquitectura compostelá (III): o Convento das Nais Mercedarias Descalzas; a Casa da Parra e a Finca do Espiño

Lucas Sánchez Taboada

   Con esta terceira parte pechamos o percorrido polas nosas benqueridas vixiantes de Compostela, e non hai mellor maneira de facelo que visitando as gárgolas máis salientables do convento das Nais Mercedarias Descalzas, da Casa da Parra e da Finca do Espiño. No convento das Nais Mercedarias Descalzas, unha das gárgolas máis demoníacas que nos atopamos neste conxunto asomado na cornixa do convento, é un basilisco (fig. 1). Non se pode concibir ningún bicho máis velenoso que este, porque só coa súa vista mata aos homes irremediablemente. Nace dun ovo posto por un galo vello que, cando deixa de perseguir ás galiñas, xera no seu ventre o xerme deste réptil[1]. Na iconografía cristiá vinculase á idea do mal e ao demo, na Xénese é o símbolo da luxuria e do demo. “Todo bicho que anda arrastrándose sobre a terra é cousa abominable” (Lev. 11, 41-42). A crista é un motivo que se traspasa a todo tipo de monstros: réptiles con cabeza humana, cuadrúpedes, peixes, aves, e aparece na espiña dorsal, nos brazos e nas pernas[2].

   Porén, non todas as gárgolas son bestas inmundas ou grotescas, figuras da mitoloxía pagá. Concretamente, nun aleiro do convento, entre monstros moi diversos, aparece este peregrino (fig. 2) de calmada faciana, que non se inmuta pola compañía das demais gárgolas monstruosas, asomadas á cornixa do mesmo edificio barroco. Probablemente esta gárgola inspirouse noutra que se alza en San Martiño Pinario. Non sabemos se este rostro é o retrato dun peregrino auténtico, de carne e oso, pero, en todo caso, é un gárgola xacobea labrada nun período no que a afluencia das peregrinacións a Santiago rexistraba unha franca decadencia[3].

Fig. 1

 

   Pola outra banda, na Casa da Parra, as gárgolas están decoradas baixo formas de león, aguia e de animais fantásticos. Unha reminiscencia medieval e renacentista como se pode ver actualmente no claustro do colexio Fonseca e na fachada do Hospital Real, e a base do balcón con ménsulas fitomórficas de carácter fantástico e métopas adornadas con roleos[4]. Vixiando a entrada de viandantes á praza da Quintana atopámonos cun grifo (fig. 3), o cal xorde na Idade Media como animal híbrido. É o resultado da unión de préstamos diversos, especialmente grecolatinos, unha composición imaxinaria obtida a partir da fusión dos atributos corporais de dous animais reais, considerados tradicionalmente nobres, como son o león, rei das bestas, e a aguia, raíña dos paxaros.

Fig. 2

   Preséntasenos con forma de cuadrúpede -catro patas de león-, corpo, garras de felino, pero dotado de ás e cabeza de rapaz. Esta criatura desempeñou frecuentemente no Medievo o papel de gardián, desenrolando un destacado valor apotropaico e de protección aos defuntos -lembremos que a praza da Quintana por aquel entón era un cemiterio-. Así mesmo, como moitos outros elementos da mitoloxía antiga, foi incorporado aos bestiarios, sendo moralizado e pasando a integrar os programas iconográficos figurativo-relixiosos, adoptando variados -e en ocasións contrapostos- significados, xa fose como encarnación de Cristo ou do propio Satán[5]. Sen dúbida, neste caso cumpren a función de protección do palacio e dos propios defuntos. As outras gárgolas, que acompañan a esta, son tamén grifos, e realizan a mesma función que a comentada anteriormente.

Fig. 3

   E xa como derradeiro exemplo, fuxindo do Barroco compostelán, traemos a modo de epílogo a Finca do Espiño (1910-1915). As gárgolas en forma de cans (fig. 4) que aparecen nos ángulos de todo o edificio son un símbolo tutelar e de protección contra os malos espíritos. Algo que afianza este sentido son os pequenos relevos que se encontran xunto ás gárgolas. En cada un deles aparecen tres feroces cabezas de can que parecen partir dun mesmo corpo. Neste contexto o can tería o significado de gardián, relacionado co cérbero do Hades que Hesíodo describiu con cincuenta cabezas e voz de bronce. O feito de gardar os infernos deulle o símbolo de protección que ten neste caso, significado que renovou na Idade Media, xa que antigamente o can tiña connotacións negativas[6]. Tamén aparecen gárgolas con forma de aguia (fig. 5), que é o animal ministro de Zeus, segundo Plutarco, e Plinio pensa incluso ao abrigo do raio. Estes paxaros poden soportar o brillo do sol sen baixar os ollos, simbolicamente, isto quere dicir que poden contemplar a luz divina[7]. A aguia, ao igual que o cérbero, está cumprindo a función de gardiá, pero neste caso do ceo, polo tanto, ceo e inferno estarían vixiados. As gárgolas e o cérbero protexen o palacete.

 

Fig. 4
Fig. 5

BIBLIOGRAFÍA E NOTAS AO PÉ

[1]Vázquez, Benxamín. Gorjeos de gárgolas. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, 1999. pp. 22-23

[2]Herrero Ferrio, Dolores. Aproximación al estudio de las gárgolas de las catedrales góticas de Castilla y León. Madrid: Universidad Complutense de Madrid, 2015. pp. 65-66

[3]Vázquez, Benxamín. Gorjeos de gárgolas. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, 1999. pp. 22-23

[4]Taín Guzmán, Miguel. Domingo de Andrade. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 1997, pp. 411-414

[5]Silva Santa-Cruz, Noelia. “El Grifo”. Revista de Iconografía Medieval, núm. 8 (Universidad Complutense de Madrid, 2012), p. 45

[6]López Silvestre, Federico. O pazo residencial da finca do Espiño. XVII Rutas cicloturísticas do Románico Internacional. Pontevedra: Fundación Cultural Rutas del Románico, 1999. P. 104

[7]Herrero Ferrio, Dolores. Aproximación al estudio de las gárgolas de las catedrales góticas de Castilla y León. Madrid: Universidad Complutense de Madrid, 2015. p. 60

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *