Orgullo de Barrio. Mulleres e movemento veciñal na Transición

Uxía Martínez Fernández

«Vaia mitin, señora Ministra. Isto non son as Tres Mil Viviendas de Sevilla, senón que é o Congreso dos Deputados e vostede é a Ministra de Facenda presentando uns Orzamentos(…)» Ana Oramas (Deputada de Coalición Canaria), 12 de febreiro de 2019.

   Os barrios humildes son obxecto dun desprezo constante e, para algunhas persoas, nin tan sequera son lugar onde poida formularse o debate político. Pola contra, para moitos dos seus habitantes é motivo de orgullo, xa que para poder vivir dignamente tiveron que levar a cabo duras loitas ao longo da súa historia para ter servizos básicos. Por iso este «orgullo de barrio», que é tan mainstream —véxase a importancia actual da música urbana, como o trap ou rap, ou o renacer do cine quinqui—, é habitual nos distritos que foron vítimas da segregación social, da marxinalidade e da pobreza, cunha poboación moi diversa no cultural, pero non tanto no económico. Nesta liña, hoxe trataremos de buscar en que momento afunde as súas raíces este fenómeno, que papel xogaron as mulleres nel e por que é máis importante a nivel histórico do que semella.

O filme de Carlos Salado Criando Ratas (2016) versa sobre algúns dos problemas dos barrios populares de Alacant

   Nos anos 60, en plena Ditadura franquista, milleiros de persoas emigraron desde as zonas rurais até os chamados Polos de Desarrollo, empurrados por unha crise estrutural no campo e pola demanda de man de obra naquelas cidades industriais, coma foi o caso do tránsito dos habitantes das provincias interiores galegas cara ás cidades costeiras. Non obstante, as urbes non foron capaces de absorber todo este éxodo debido ás xa deficiencias en materia de vivenda dende o remate da Guerra Civil. Nalgúns casos, estes traballadores tiveron que construír as vivendas coas súas mans empregando materiais baratos, constituíndo o fenómeno do «chabolismo», co cal o Réxime practicou un urbanismo de tolerancia. Este foi caso de El Pozo del Tío Raimundo en Madrid ou a Barceloneta en Barcelona, pero tamén do poboado de O Vao en Pontevedra, sen irmos tan lonxe. Non obstante, esta realidade non foi exclusiva do Estado español, como podemos apreciar no filme neorrealista italiano Il Tetto (1956) dirixido por Vittorio de Sica que trata precisamente esta problemática.

O Vao (Pontevedra) en 1975. Fotografía de Anna Turbau

   Debido a esta demanda habitacional, a Organización Social del Hogar (OSH) organizou a construción de polígonos de vivendas. Porén, foi predominante a adxudicación de concesións a construtoras privadas —que formaban parte da rede caciquil do Réxime—, que practicaron a especulación co beneplácito da Administración. Construíron barrios en terreos afastados do casco urbano, onde non existían medios de transporte, sumidoiros, electricidade, pavimentación, centros de saúde, colexios, parques ou zonas verdes para o ocio. Algúns veciños alcumaron estes edificios como chabolas «verticais» polas súas deficiencias e en clara alusión ao Sindicato Vertical que as distribuía —de maneira non gratuíta, claro—. Tamén participaron do negocio inmobiliario as Caixas de Aforros, que só concedían as vivendas en sorteo aos que xa eran os seus clientes, coma sucedeu no caso do barrio de Coia, en Vigo.

Primeiros edificios do polígono de Coia a mediados dos anos 60 (Vigo).

   Os habitantes destes barrios, empurrados polas súas condicións materiais e animados polas primeiras grandes protestas do movemento obreiro e o movemento estudantil, comezaron a organizar as súas reclamacións ante a Administración. A primeira asociación veciñal da que se ten constancia en Galiza é a de Conxo, en Compostela, aínda que no resto de cidades comezaron a aparecer tamén na mesma etapa. Porén, o veciñal ten unha característica diferenciada do resto dos movementos sociais da época, unha traza a miúdo descoñecida. Se temos en conta que este tipo de problemáticas estaban intimamente relacionadas coa esfera privada do fogar e dos coidados, non pode estrañarnos que as primeiras en alzar a voz foran as mulleres dos barrios populares, como así foi. Con todo, foron os homes os que monopolizaron a imaxe do movemento, pois ademais moitos tiñan experiencias previas na loita obreira. Non obstante, grazas ás protestas veciñais e relativas á carestía da vida, moitas mulleres que estaban relegadas ao fogar saíron da súa invisibilidade e silencio. Alén disto, no movemento moitas veciñas e veciños tamén entraron en contacto con moitas organizacións clandestinas. Foi así como o que comezou como protesta polas necesidades básicas da vida rematou constituíndo parte da oposición política ao Réxime, xa que o Estado era o patrón dos servizos públicos estruturantes da vida cotiá destas persoas.

Mulleres protestando no barrio de La Lombarda en Zaragoza

   Nas numerosas Asociacións Veciñais que foron xermolando dende finais dos 60 e principios dos 70, moitos veciños e veciñas aprenderon a debater, a falar de política e a entender o valor da protesta. Neste sentido, o movemento foi unha verdadeira «escola de democracia», como foi denominado polo sociólogo Manuel Castells. Unha democracia radical que non foi ensinada de arriba a abaixo polas elites da Transición, senón que foi aprendida no lume das loitas sociais de abaixo cara arriba. Moitas asociacións veciñais comezaron a ser legalizadas paseniñamente a partires de 1977 tras moitos anos de liza esixíndoo e foron un dos principais motores da democratización dos concellos a partir das eleccións municipais de abril de 1979. Naquel entón, algunhas organizacións políticas de esquerdas decidiron cooptar a moitos líderes veciñais para as súas candidaturas municipais. Porén, isto xerou un gran debate en moitas asociacións entre as incompatibilidades da democracia participativa e representativa. Trala chegada ao poder, moitos partidos ignoraron ás AAVV e o movemento entrou en declive.

Asociación de Familias de Otxarkoaga ante a porta do consistorio en Bilbao

   Nos 80, a Reconversión Industrial, o paro e a entrada da droga empeorou a situación dos barrios populares. Moita poboación marxinada, como foi o caso de moitas persoas ciganas, foi reubicada forzosamente nestes barrios periféricos, aumentando a súa segregación. Posteriormente tamén chegaron migrantes transcontinentais, nutrindo de multiculturalidade estes distritos. A percepción de marxinalidade, segregación e a compoñente social popular dos barrios e a loita constante dos seus habitantes por ter garantidos os dereitos básicos para as súas vidas, xerou este sentimento identitario de comunidade, un «orgullo de barrio» moi marcado como podemos apreciar na actualidade nas distintas cidades galegas.

   Aínda que hoxe en día o sentimento de comunidade non estea tan vivo, por mor do individualismo, dos novos métodos de comunicación virtual ou da flutuación das loitas, o tecido social xerado polo movemento veciñal nos anos 70, no cal as mulleres tiveron un importante papel, permanece. Esta rede social real é activada en distintos momentos con protestas veciñais concretas ou en grandes ciclos de mobilizacións, coma o do 2011-2014 tralo crac económico do 2008. É por estas razóns que o «orgullo de barrio» ten máis importancia histórica da que se lle dá habitualmente.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *