Jesús Bal y Gay, memoria de esquecemento.

José Carlos García Vega

  Teño que recoñecer que, cando Quique Alvarellos me preguntou na súa editorial se coñecía a don Jesús Bal y Gay, quen sería obxecto das miñas prácticas, supuxen que sería unha figura sen pena nin gloria. Un deses persoeiros que tiveran certa sona no seu momento pero que non alcanzara maior trascendencia cá de nombrar unha residencia da USC no campus de Lugo. A verdade é que só así podía entendelo tras comprobar que a iñoranza non era só cousa miña, e que ningunha das persoas ás que consultaba tiña idea de quen podía ser. A historia ten estes paradoxos. Está repleta de Gavrilo Princips famosos por ter feito unha única cousa chamativa en toda a súa vida e que quedan para sempre no recordo, mentres canda eles, os Jesús Bal, que consagran a súa existencia á cultura, rematan inmersos no labirinto do esquecemento.

  Ante todo, o noso conto perdido comeza nunha parroquia lucense calquera, a iso das oito da mañá dun día de xuño de 1905. Na casa dun comerciante mediocre vía a luz por vez primeira un meniño ao que chamaron Jesús et cetera. Deste xeito parten a maioría das grandes andanzas: a Historia danos lugar, tempo e nome, pero somos nós os que eliximos o que facer con eles. Nos seus primeiros anos, o pequeno protagonista non o tiña nada claro, pero sabía que lle gustaba ver as clases de piano da súa irmá. Sentaba preto dela e atendía o que ían facendo. Descoñezo a biografía da mestra, pero atreveríame a dicir que nunca un amolamento seu fixo tanto pola humanidade coma no día en que preguntou con sorna ó rapaciño que era o que estaba explicando. Jesús repetiuno todo coma se a clase lla estivera dando a el, o que convenceu á señora, e aos pais, de que tiña que continuar estudando música. Cousas da vida, a súa irmá rematou por abandonar o piano, pero el descubrira unha man da que ir para sempre.

  Xa podedes imaxinar que amosou unha grande precocidade. Sendo moi novo xa dirixía algunha orquestra, e o seu talento musical levouno ás páxinas do periódico moito antes, probablemente, de que se interesara por elas. Estudou a secundaria levando varias matrículas –agás na educación física, que aprobaba por asistencia– e polo visto entre clase e clase subía a biblioteca a ler ós autores do seu presente e do seu pasado. Na década dos vinte, o recén chegado marchou para Madrid a gozar a vida universitaria na Residencia de Estudiantes, un centro fundado pola Institución Libre de Enseñanza no que se xuntaron, directa ou indirectamente, todas as grandes figuras da intelectualidade española do século XX. Co auspicio de algúns como Menéndez Pidal ou Ortega y Gasset pasaron por alí Buñuel, Lorca, Dalí, Alberti… e non deixaron de visitala Unamuno, Manuel de Falla ou Juan Ramón Jiménez, por citar os máis coñecidos.

  O caso é que Jesús desenvolveu unha actividade cultural: asistía ás tertulias, primeiro como espectador, ía facendo amizades, colaborou en El Pueblo Gallego –situándose políticamente no seu tempo–, pero tamén publicou xa Hacia el Ballet Gallego, unha aportación á disciplina musical, e participou na fundación da revista Ronsel. Hai que dicir que por estes anos tamén fixo intentos na poesía e na pintura. No 27, regresando a Santiago para o servizo militar, entrou no Seminario de Estudos Galegos, onde laborou intensa amizade co pintor Carlos Maside –disto conservamos algún retrato que levou por agasallo– e mesmo Otero Pedrayo. O seu compromiso coa identidade particular de Galicia, que xa poderedes albiscar, levouno a poñer a súa firma no Compromiso de Barrantes.

  Máis tarde, de novo en Madrid, no Centro de Estudios Históricos da Junta de Ampliación de Estudios –a cal morreu parindo o actual CSIC–, comezou como investigador musicólogo. Percourreu Galicia con Torner buscando vestixios de folclore e música culta. No ano 35 marchou como lector de español a Cambridge, pero entre medias ocorreulle algo que sería quizais máis determinante na súa vida: coñeceu a Rosa –Rosita, como ela se facía chamar– García Ascott, discípula de Manuel Falla. Noutro artigo poderíamos falar da especial relación que mantiveron como matrimonio excepcional nun tempo en que as mulleres eran máis penosamente subxugadas que hoxe.

  No 36 visitou Galicia e –efectivamente– case non o conta. Non foi senón grazas ó seu amigo e promotor inglés J. B. Trend e algún coñecido na gobernación da Coruña que conseguiu fuxir para contar o periplo. Jesús Bal subiu de sorte a un barco do que non voltaría ata máis de 25 anos despois. Comezaba o camiño do exilio, percorrido por moitas das persoas que o acompañaran ata o momento –agá-lo seu prezado Lorca, que non tivo esa sorte– e pola mesma Residencia, cuxas portas pechou o franquismo pero cuxa sombra protectora aínda iría con el ata México. Porque, en realidade, Jesús Bal marchaba do perigo das armas para percorrer o incerto. No 38 acababa seu lectorado en Cambridge e, sen país onde volver, só lle quedaba cruzar o Atlántico. Os círculos da residencia recomendárono como convidado ao presidente Cárdenas para fundar a Casa de España, que serviu coma flotador para moitos intelectuais exiliados.

  En México, Jesús Bal traballou como investigador musicólogo; coa oficina de propaganda británica; como crítico de música en El Universal e abriu con Rosita unha galería e tenda de arte Diana. Tamén, como xa era costume, trabou amizade con persoeiros sobresaíntes: Carlos Chávez, José Mojica, José Ortiz, os Villaseñor, e con Igor Stravinsky, aquel que para el resultou “una flor en el terrible desierto de mi lejanía”. Publicou Chopin, sobre o seu compositor máis querido, o que debería conformar o Cancionero de Upsala, entre outros. Dende alí continuou afondando no coñecemento da música do pasado e dos resortes ocultos da arte que foi con el sempre. Nas súas composicións, tanto de entón coma de antes e despois, se contan a Sonata para Clarinete e piano, a Oda a Don Quijote , Treinta Canciones de Lope de Vega e varias músicas para poemas de Emilio Prados, Juan Ramon Jiménez e Alberti. No ano 73 publicaría o Cancionero Gallego.

Á esquerda, Rosita García e Jesús Bal atenden a Igor Stravinsky

  Chegado o 62 fixo unha viaxe por Bélxica e por España, onde se convenceu definitivamente da necesidade de voltar, pois, pese a que aborrecían o “réxime de Franco”, tanto el como Rosita botaban en falla a terra da súa mocidade. En 1964, un ano antes de voltar a España, escribiu La dulzura de vivir –obra, se cadra, máis esquecida ca seu autor– onde repasa aqueles momentos da súa vida onde coñeceu “una flor que se abre en momentos imprevisibles y en circunstancias propicias a una cierta sublimacion de los sentidos y a la percepción vital de determinados valores espirituales”.

  A súa volta anunciaba o esquecemento. O regreso implicou abandonar a intensa vida académica e cultural que experimentaba en México polo páramo do franquismo, que no eido musical quedara reducido a unhas poucas familias e que distaba moito do que el coñecera tres décadas atrás. Así é que cando Jesús Bal y Gay morreu no 1993 deixaba atrás un fío onde se cruzan os de incontables figuras coma el, que non só o coñeceron, senón que viviron a mesma experiencia dun futurible mutilado. Trátase dunha figura diversa que podemos abordar dende o punto de vista artístico, pero tamén como testemuña desa outra Historia de España e de Galicia fora da Península que foi correndo no discreto fume da fin dun tempo.

Jesús Bal en México pouco antes da súa volta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *