As irmás Touza: ribadavienses fronte ao Holocausto

Mateo Martínez Torres

   Lola, Amparo e Xulia Touza Domínguez son 3 irmás galegas que colaboraron nunha rede de axuda a fuxidos e exiliados do nazismo durante a 2ª Guerra Mundial. Nadas en Ribadavia (Ourense), vivían na actual Rúa do Xuíz Viñas nº 2, preto da Praza Maior, nun edificio que contaba cun salón de baile que abrían os domingos. Non obstante, o seu negocio fundamental era a cantina-quiosco da estación de ferrocarril da vila, onde vendían todo tipo de produtos gastronómicos da comarca: dende roscas doces a pavías de aldeas próximas como Beade ou Bieite, así como licor café e viños ribeiros. As tres eran solteiras, e viviran as miserias de ser mulleres e rojas tralo trunfo do Golpe de Estado en Galicia; non obstante, isto non as freou para axudar a 500 persoas fuxidas do horror nazi a cruzar a fronteira cara Portugal.

Lola Touza, segunda pola esquerda, en 1923. Fonte: El País

   A estación foi un punto clave para a ruta de escape de centos de persoas; secasí, ninguén sabe moi ben como a maior delas, Lola (alcumada A Nai), foi captada por unha rede que se dedicaba a facilitar o paso de refuxiados do Holocausto a Portugal. Ribadavia estaba nunha posición xeográfica moi favorable para cruzar cara o país luso, a 12 quilómetros da fronteira, e con menos vixilancia que na raia portuguesa ou zonas como Vigo e Tui. Así, a capital do Ribeiro converteuse na última parada dunha ruta que, tras cruzar os Pirineos, pasaba por Jaca, Roncesvalles ou Portbou (Girona). Dende alí as fuxidas trasladábanse ás agachadas ata Aranda de Duero, onde iniciaban un transcurso ferroviario (xeralmente ocultos en trens de mercancías), pasando por Medina del Campo, até chegar a Monforte e despois, xa si, a Ribadavia.

Ruta que seguían as fuxidas do Holocausto. Fonte: El Mundo

   Deste xeito, o proceso era o seguinte: á chegada do tren sinalado dende Monforte, as irmás auxiliaban aos viaxeiros fuxidos, agochábanos nun trasteiro no que se almacenaban as mercadorías, e no silencio da noite eran conducidos ata a súa casa na zona vella ribadaviense, onde os agachaban no faiado. Lola atopou complicidade en Ricardo Pérez Prada, un cubeiro cuxo alcume era O Evanxelista. Este vivira algúns anos nos Estados Unidos e sabía polaco, o cal era moi útil para comunicarse con boa parte das persoas fuxidas. Ricardo tiña o seu taller perto da estación de ferrocarril, polo que axiña acudía cando algunha das irmás lle pedía axuda para comunicarse con alguén estranxeiro. Arístides da Sousa Mendes, cónsul luso en Burdeos, foi unha peza chave. Non só avisaba ás irmás da chegada dun tren con persoas escapadas, senón que tamén, incumprindo as instrucións do réxime de Salazar, entregaba ás ditas persoas documentos que lles permitiran cruzar a fronteira con Portugal.

Xulia (esquerda), Lola (centro) e Amparo (dereita)

   Ninguén sabe moi ben como comezou a dita rede, pero si que a convivencia no ambiente ferroviario facilitou que as irmás establecesen unha relación estreita con dous taxistas: José Rocha, un familiar próximo, e Javier Míguez, coñecido coma O Calavera. Nos coches de ambos transportaban os fuxidos dende Ribadavia á fronteira, pasando por aldeas e lugares como Reza, Paixón, Arnoia e Meréns, avanzado polo Rabiño, Cortegada, Casal, Trado e Desteriz ata chegaren a Ponte Barxas e, dende aí, a Portugal. Rutas como a mencionada eran utilizada dende anos anteriores para o contrabando; a longa posguerra fixera que esta actividade fose común, á vez que perigosa, en aldeas e vilas próximas á fronteira con Portugal. As irmás Touza contaban con bos proveedores para a súa cantina no estraperlo, polo que seguramente deseñaran a ruta de conexión entre a fronteira grazas a estes contactos. Por último, Francisco e Ramón Estévez, pai e fillo, tamén asistiron ás irmás; ambos eran pescadores, e nalgunha ocasión acompañaron a fuxidas dende Ribadavia ata a Filgueira, onde axudaban a estas persoas a cruzar o río Miño e chegar a Portugal. Non obstante, o perigo non residía só na fronteira, senón que tamén existen constancias da presenza da Xestapo en Ribadavia preguntando por Lola, A Nai, pero sen consecuencias directas para ela ou as súas irmás. Así, entre 1943-1945 levaron a cabo unha actividade que poñía fin ao longo camiño de máis de 500 fuxidos do Holocausto nunha vila que, curiosamente, contara cunha comunidade xudía moi relevante entre os séculos X e XIV.

Amparo (esquerda) e Xulia (dereita), sentadas na boda do seu sobriño Guillermo Touza. Fonte: La Opinión A Coruña

   Lola morreu en xuño do 1966, Amparo en febreiro do 1981, e Xulia en xuño de 1983. As tres son comunmente coñecidas como as «Schlinder galegas», pero dende a miña opinión, esta denominación non lles fai ningún favor. Do mesmo xeito que non nos gustaría denominar á Catedral de Santiago como a «Notre Damme galega», non creo que debamos restrinxirlle a estas tres mulleres a súa identidade. Elas son as Irmás Touza, de Ribadavia: Lola, Amparo e Xulia; e a súa memoria non debe ser esquecida.

 

Bibliografía empregada:

-Carcedo, Diego. Entre bestias y héroes. Los españoles que plantaron cara al holocausto. Barcelona: Espasa, 2011

-Patiño Regueira, Antón. Memoria de Ferro. Vigo: Promocións Culturais Galegas, 2005

-Piñeiro, Vicente. Lola Touza: la Schlinder gallega. Noia: Toxosoutos, 2015

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *