Do maxistrado que rexeitou a diglosia. Daniel García Ramos e a normalización lingüística do galego na Xustiza.

Miguel Rodríguez Martínez

É necesario facer valer o dereito de usar o noso idioma como concepto esencial de orgullo de ser galegos”

Hoxe chegan os vinte e un invernos dende aquela noite na que as túas verbas deixaron de sobrevoar o Tribunal de Xustiza de Galicia, Daniel. Porque alguén tiña que comezar, e quen mellor que ti para ser calificado coma o pioneiro no emprego do idioma galego na administración de Xustiza. Para aqueles que non o coñezades e para os que nunca o esqueceredes, presentamos eiquí unha breve reseña sobre un home que nunca escondeu o seu amor pola terra e pola lingua.

    Daniel García Ramos

O que será o ‘fillo predileto da Baña’ nace nesta comarca no ano 1933. Fillo de mestres da escola, vivirá o contexto da Galicia rural, onde o seu contacto cas xentes da aldea durante os seus primeiros anos de vida marcará os seu camiño. Á pronta idade de 9 anos marcha cara o Seminario na cidade compostelá, onde comezará as súas andanzas como excelso alumno até matricularse en Dereito. Tras varios movementos entre a carreira universitaria e posteriormente actividades laborais en Madrid, retorna á Galicia que tanto añoraba, primeiro a Ourense e tres anos despois como adxunto á Cátedra de Economía e Facenda. Mais será en Bande tras gañar as oposicións á adxudicatura, onde se empapará ca realidade galega máis auténtica na que comprenderá que non só deberá adicarse á xustiza, senón que ten que empregala dende a súa propia posición nunha disciplina tan inflexible coma é o Dereito. Un xuíz que falaba en galego, falaba cos galegos, traballaba polos galegos e traballaba polo galego.

No que nos centraremos nesta breve presentación será na súa actividade pola normalización lingüística do galego no ámbito xudicial dunha administración con todavía resiliencia e pouca permeabilidade ante este feito. Para poder plasmar o seu papel neste proceso, apoiarémonos nunha selección de novas -das máis de duascentas que o referencian- do periódico La Voz de Galicia entre o ano 1989 e o desafortunado pasamento no 98′.

Arrancamos cunha auténtica declaración de intencións deste maxistrado nun ano tan importante coma o anteriormente citado: estamos no ano 1989, ano de eleccións. Pois ben, nunha entrevista a varios maxistrados na sección de Cultura deste xornal, unha voz buscará xustiza dende a mesma xustiza: a necesidade de normalización do galego nos xulgados. Nesta, atopamos o que podería ser a introdución do problema deste contexto: o pobo non fala galego no xulgado porque non o considera un lugar apropiado, sendo isto eufemismos residuais dun pasado ao que non se quería volver. Emporiso, presentando a problemática, Daniel García Ramos contaba que: “Hai que dicirlle ó administrado: ‘Vostede pode expresarse en galego se así o desexa. O Feito de oir ó xuiz que fala na súa lingua crea unha canle de comunicación que trae consigo a espontaneidade. E isto é vital para o enxuiciamento do caso”.

Á memoria de Daniel, A Baña.

Unha vez exposta a posibilidade da utilización da nosa lingua por parte do administrado, xustifica dende a propia xustiza este feito dicindo que: “O coñecemento obrigatorio do castelán non permite que se limite o dereito a calqueira das linguas oficiais de Galicia. O centro de gravidade radica no dereito do cidadán. O artigo 3 da Constitución fala da equiparación plena do idioma e o dereito do cidadán non pode ser conculcado. Ambos idiomas son oficiais”. Talvez sexa unha casualidade ou talvez cousa do destino, pero ese mesmo ano ingresaría no Tribunal Superior de Galicia, dende onde lonxe de espallar a problemática da lingua potenciaría a súa labor da necesidade de darlle a voz a unha lingua silenciada nas Cortes.

“Hai que dicirlle ó administrado: Vostede pode expresarse en galego se así o desexa. O feito de oír ó xuiz que fala na súa lingua crea unha canle de comunicación que trae consigo a espontaneidade”

Estamos ante un home que fala dende a súa propia experiencia como maxistrado en efecto, pero tamén como galego que valora a importancia do recoñecemento da cultura na propia terra. Isto aparece reflictido nunha entrevista concedida a este mesmo xornal na que equipara as súas estancias fóra do país -Bilbao, Madrid, Ávila- cas dun auténtico migrante cun obxectivo permanente de regreso a casa. Non perdería oportunidade na mesma para falar da normalización do galego no mundo xurídico, sinalando que “É unha dedicación que teño asumida con behemencia porque para min non pode haber unha realidade xurídica perto do pobo, destinada ó pobo […] se non conecta coa súa capacidade de comunicación e eso só se poder dar cando non se traiciona o sentimento idiomático do pobo”.

E como galego e coñecedor da importancia de espallar esta necesidade de liberdade lingüística nos diferentes eidos da vida, colaborará en numerosas charlas, reunións, congresos e simposios -ver as novas localizadas baixo este parágrafo- onde a temática preferente era este acto de facer cotiá o uso do noso idioma. Da mesma forma, os pasos de xigante que cos grupos e xuntanzas xurdidos en prol da defensa do galego -Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, Mesa pola Normalización…- darían froito a uns pasos axigantados na mesma materia na propia xustiza, chegando a xullo do ano 93, no que se dictaría a “primeira sentencia ao amparo da lei procesal galega”.

O pase de diapositivas require JavaScript.

A súa actividade non cesaría nos próximos anos, empapado da cultura dunha sociedade comprometida de diferentes procedencias, chegando a acadar o título de Galego Egrexio pola súa notoria labor. Pero chegou esa noite do 23 de febreiro do ano 98 cando marchaches, conmocionando á túa xente que non o podía crer. Se a túa labor é defendible por si mesma, moitos foron os que decidiron darche unha última despedida: dende o estrato máis popular da sociedade á que sempre estiveches tan achegado coma foi a homenaxe que a Sociedade de Montes levou a cabo; como intelectuais da talla de Marcos Varcárcel, Isaac Díaz Pardo ou Xosé Manuel Beiras. Da mesma forma a noticia ocupou a portada na prensa nacional e o teu querido concello da Baña levaría a cabo unha homenaxe multitudinaria.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Non cremos que existan mellores verbas que as utilizadas polo mencionado Marcos Varcárcel para finalizar esta pequena efeméride: “En todas e estas ocasións atopeime sempre cun home afable, cheo de vida e alegría, convencido das súas ideas e dotado da necesaria intelixencia e elegancia para defendelas”. Porque a túa labor segue viva dentro de todas as persoas que continúan loitando a favor dunha utilización libre do galego na nosa terra en todos os eidos da vida. Un saúdo dun membro da túa familia, que trata de continuar o teu legado dende o ámbito das Ciencias Sociais a través desta plataforma.

3 comentarios en “Do maxistrado que rexeitou a diglosia. Daniel García Ramos e a normalización lingüística do galego na Xustiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *