A represión feminina durante o franquismo

A represión feminina en Galicia é un interesante campo de estudo debido a que este territorio foi o primeiro en caer baixo o poder do bando sublevado durante a Guerra Civil española, polo que será o seu campo de experimentación. Hai que ter en conta que as fontes sobre este tema atópanse dispersas, en mal estado ou desaparecidas, o cal dificulta unha tarefa que cada vez está atraendo a un maior público, a historia de xénero.

A concepción da muller dentro do novo réxime é explicada a través da figura do psiquiatra Antonio Vallejo Nágera, quen definía ás mozas de organizacións políticas populares e centros obreiros como libertinas. Defendía a separación dos fillos das nais sospeitosas de ter tendencias esquerdistas para que este “mal” non se expandise á súa descendencia, mandando os fillos e fillas a centros de carácter asistencial falanxista ou católico. Moitas non os volveron ver. As mulleres, para Vallejo Nágera, movíanse a través do resentimento e tendían á subversión da orde social. Tiñan unha inferioridade mental cunha brutalidade e fanatismo disidente, e posuían unha relación morfolóxica de fealdade, inferioridade e maldade. Ademais, a muller era un ser cruel e sen lóxica que contaminaba a todo home que a rodease.

Baixo esta caracterización as mulleres convertéronse en obxecto da represión, diferenciada da do home. En primeiro lugar, debemos falar da cuestión carceraria. Oficialmente non había mulleres condenadas por actividades políticas, coma os homes, senón que só eran “mulleres de vida extraviada”. Dentro da cadea, prohibíaselles calquera mostra de personalidade predicando coa sinxeleza, o que se podería traducir como unha maneira de ser desposuídas de calquera atractivo que “atentase” contra a moral dos funcionarios. Isto non freou prácticas sexuais contra elas, traendo consecuencias como os embarazos. As mulleres podían ingresar no presidio embarazadas e isto non lles daba un trato especial dentro da deprimente vida no cárcere. Unha vez desen a luz, os seus fillos eran usados como castigo para as nais, ou eran separados delas, polo que moitas agochaban o seu embarazo ata o derradeiro momento.

As organizacións políticas que velaban na clandestinidade polos presos e os informaba do que pasaba no exterior, non fixeron o propio coas presas, ficando estas no absoluto abandono. Por isto foi necesaria a construción de redes de auxilio dentro do cárcere para atender as súas necesidades físicas e mentais. Porén, no caso contrario as mulleres eran usadas como enlaces, encargándose de tarefas como a entrega de correspondencia dun determinado preso co partido no exterior. As mulleres con familiares presos foron acosadas polas delegacións locais e congregacións e irmandades católicas. Así, o servizo de información e investigación da Falange emitía informes negativos que evidenciaban nas mulleres simpatías esquerdistas e falta de entusiasmo polo Movimiento, polo que  podían ser procesadas. Moitas decidían cambiar o seu domicilio preto da prisión do familiar, traballando en duras tarefas para axudalo, nas labores do campo, como lavandeiras de hostais, almacéns e caleiros, vendedoras nas rúas como a máis barata forza de traballo e dentro do servizo doméstico para a burguesía.

A partires de 1938 créase o servizo de redención de penas polo traballo, pero moitas estiveron privadas do traballo externo aínda que a lei o permitía. Moitos dos familiares destas presas estaban tamén na cadea, polo que non existía un sustento familiar e, por tanto, podían perder a custodia dos fillos -se os tiñan. O comercio clandestino foi unha maneira de mellorar a súa situación.

Aínda así, non todo foi a represión dentro dos presidios. Fóra, as mulleres foron sometidas a medidas degradantes por teren algún familiar sospeitoso, coma o rapado do pelo, inxestión de aceite de riciño, ou a obriga de faceren labores humillantes. Porque ser muller ou familiar de preso tamén era unha posición política.

Moitas mulleres encargáronse de ocultar perseguidos, distribuíron publicacións clandestinas e facilitaron as súas casas como lugar de reunión. Entre 1944 e 1948 moitas cumprían condena pola axuda prestada na guerrilla. En Galicia un 30% de mulleres estaban implicadas dentro dela, mais na historia da resistencia antifranquista atópase a memoria deles, non tanto a delas. Moitas eran condenadas por estas accións pero as penas en mulleres eran frecuentemente rebaixadas porque eran seres secundarios sen cultura e sen capacidade para pensar e, se ademais non tiñas antecedentes, adoitaban ser postas en liberdade após seren detidas. Algunhas non tiveron tanta sorte e foron asasinadas por acompañar ao seu home na visita a un sindicalista ou intentar fuxir ao estranxeiro, así como por ocultación de homes. Algunhas tamén foron asasinadas por rancores do anterior axente da orde, o cal a mataba con rabia por unha negativa amorosa.

Pouco se fala das guerrilleiras, xa que só se centran no papel desta como auxiliadora, faceta máis frecuente. Na guerrilla dáse un predominio das mulleres solteiras e as pertencentes a sociedades comunistas, mais a día de hoxe non hai ningún estudo que explique a colaboración das mulleres cos fuxidos ou coa guerrilla. Maioritariamente pénsase que participaron por ligazóns de parentesco e non políticas.  De tódolos xeitos a súa participación non foi coñecida ata 1948 xa que anteriormente ás mulleres non se lles permitía a entrada nas filas dos destacamentos e, incluso, moitos dos xefes prohibían o contacto das mulleres aos guerrilleiros.

En conclusión, as mulleres tiveron que soportar unha dobre represión polo feito do seu xénero e ademais foron as figuras máis abandonadas. Ben é certo que non houbo unha cantidade de mulleres represaliadas tan significativa como de homes. O motivo pode residir en que, a pesar dos avances femininos da Segunda República, o número de mulleres militantes en formacións políticas esquerdistas foi limitado. Os partidos apenas tiñan mulleres entre as súas filas e as que estaban relacionábanse cos dirixentes por vínculos familiares. A defensa da súa emancipación estivo liderada por homes debido á falta de confianza nelas e no seu conservadorismo, e foron moitos os partidos que rexeitaban organizacións específicas femininas. Con todo, elas tiveron certa importancia participativa no terreo sindical coma o colectivo das cigarreiras na Coruña, como colaboradoras en órganos de prensa coma “El Obrero” e tiveron implicación posterior na resistencia, tanto pasiva como activa do réxime. De nós depende non deixalas no esquecemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *