As mártires de Sofán no seu centenario

Lucía Veciño Souto

Sofán atópase no concello de Carballo, é a parroquia do concello con máis lugares (62 núcleos de poboación). Cunha igrexa adicada a San Salvador de 1722 en estilo barroco e con algunha que outra reforma xa do XIX en estilo neoclásico. Hoxe, todo o que vemos ao redor da igrexa de Sofán é un xardín, e nel só atopamos catro lápidas pétreas que fan referencia á necrópole que no seu día albergou e que foi protagonista da faísca que a principios do século XX estaba a prender na comarca de Bergantiños.

A gripe de 1918, foi a máis mortal de todo o pasado século, no Estado español fálase duns 300 mil falecidos e en Galiza houbo lugares especialmente afectados; hoxe sábese que este virus, o H1N1, saiu dunha base militar dos EEUU (Kansas). En Sofán esta pandemia causou a morte de 139 persoas, e tan só no mes de outubro dese ano faleceron 83 veciños e veciñas.

Ante o elevado número de mortandade, as autoridades municipais, Xunta Local de Sanidade e a provincia, propuxeron crear un novo cemiterio na parroquia. A veciñanza, xunto co crego Antonio Carracedo Viña prefiren a ampliación do actual campo santo, xa que a proposta que achegan as autoridades atopábase nun monte afastado e de difícil acceso. A propiedade do monte era da familia Regueiro, símbolo do caciquismo carballés da época.

O concello clausura finalmente o vello cemiterio no pleno do 18 de novembro de 1918 cos votos en contra dos concelleiros Felipe Pombo Calvo e Manuel Gómez Vilas e volverán facelo dous meses máis tarde, cando se aprobe enviar o proxecto ao gobernador civil para a súa aprobación definitiva. Malia a decisión daquela día, a veciñanza de Sofán non deixou de enterrar os seus mortos no cemiterio vello de maneira clandestina durante a noite. De feito, dende o primeiro pleno no que se toma a decisión, 18 de outubro ata o 16 de febreiro, entérranse no cemiterio e mesmo no adro ata 11 cadáveres.

Como era de imaxinar, os enterramentos contraviando as ordes do peche non tardan en chegar aos oídos do alcalde. O mesmo solicita ao alcalde de barrio de Sofán, (figura para aqueles núcleos de poboación separados do centro urbán e que non constitúen unha entidade local), José García Sande que investigue e tome nota de todos aqueles enterramentos que se fan pola noite, e así o fai.

Ilustración de Alfonso Daniel R. Castelao do Álbum Nós (1920)

O 16 de febreiro de 1919, durante o enterramento do neno Jesús Loureiro González, seus pais, caseiros de Manuel Regueiro, o cal move os fíos para que a garda civil corte o paso para o cemiterio, onde as primeiras en facerlle fronte serán as mulleres. A carga por parte da garda civil comezou xusto nese momento a punta de baioneta, levándose por diante a vida de Josefa Bolón Mato, María Caamaño Pallas, Carmen Veira Souto e María Serrano Paz converténdose nas mártires de Sofán. Serán encadeados ese mesmo día oito persoas máis.

O enterramento das catro mulleres, cheo de dor máis tamén de carraxe, tivo lugar na parroquia de Artes e non en Sofán, por orde do gobernador civil. O movemento agrarista e nacionalista da provincia achégase a Sofán, onde celebrarán o mesmo día un mitin no que falaron entre outros Lois Peña Novo, dirixente das Irmandades da Fala e primeiro alcalde nacionalista da Coruña e Manuel Lugrís Freire, escritor e membro da Real Academia Galega. Neste mesmo día convócase unha manifestación para percorrer as rúas de Carballo o 20 de febreiro, unha movilización que non chegará a ter lugar xa que o concello non a autoriza.

Malia que durante os anos da II República, houbo un acordo muncipal para renderlle unha homenaxe ás catro veciñas asasinadas polo caciquismo local, Josefa Bolón, María Caamaño, Carmen Veira e María Serrano tiveron que agardar 100 anos por el. Tivo lugar o sábado, un recoñecemento non só a elas, tamén á dignidade e a defensa da terra que estas catro carballesas representan.

O acontecido en Sofán hai agora 100 anos non pode separarse dun ciclo político marcado pola I Guerra Mundial, cun gran impacto na economía de toda Europa, sobre todo pola especulación masiva das elites. Así como crise da I Restauración cunha situación social dunha democracia falseada pola corrupción existente. A isto, hai que sumarlle o auxe dos movementos sociais, obreiros, agraristas e nacionalistas que comezaban a prender a chama na comarca de Bergantiños da man de Solidaridad Gallega.

O caso de Sofán non foi unha cuestión illada, naqueles anos atopámonos cos conflitos de Nebra, de Guillarei ou de Oseira. Nos cales as mulleres tiveron unha importancia vital en todos eles, así como nas revolta da Coruña na que as mulleres paralizaron a cidade durante semanas. Unha realidade que tampouco podemos entender se non a encadramos na influencia do triunfo da Revolución Soviética, no que as mulleres foron un axente principal, como vimos coas masivas manifestacións na chamada Revolta do Pan de Petrogrado de 1917, acendendo a chama dun proceso que culminaría en outubro dese mesmo ano.

Bibliografía:
Fraga, Xan. Crónicas de Carballo I. Ed, A.C Lumieira, Carballo 1999.
Fraga, Xan. “As mártires de Sofán” no Monográfico “De Nós” Rebeldía Galega contra a inxustiza, editado por Sermos Galiza, Santiago de Compostela, 2018.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *