Vixilantes e silentes. A gárgola como elemento plástico na arquitectura compostelá (II). Hospital Real.

Lucas Sánchez Taboada

As gárgolas -ao igual que os canzorros- poñen final ao capítulo decorativo do Hospital Real. Forman un conxunto de gran beleza pola variedade de imaxes que combina, entre as que podemos destacar as representacións animalísticas, humanas e fantásticas. O seu interese radica no valor simbólico que tiveron os homes e mulleres que se aloxaron no Hospital. A través destas imaxes, de moi variada estirpe, representábanse os vicios que o home debía combater, así como as virtudes que debían rexer a súa existencia. Como modelo de perfección son frecuentes as referencias marianas ás alusións dos santos vinculados á fundación, como Santiago Apóstolo, así como o emprego de signos cristolóxicos e xacobeos[1].

Unha das gárgolas que máis nos sorprende deste conxunto, é a deste monxe (figs. 1-2) que proxecta enteiro seu corpo ata o patio e cuxa vestimenta o identifica como membro da orde franciscana. Dependendo do ángulo de observación identificaremos a acción que executa dunha ou doutra forma.

Observando ao seu nivel, diríase que se atopa entoando unha parte da salmodia -pensemos que é un fraile e que está situado no lado do patio en relación coa capela- a pleno pulmón. Visto dende arriba, pensariamos que o que realmente está facendo é desgañitarse para proferir un grito, e dende abaixo, xa sexa lateralmente ou en liña con el, a impresión que dá é a de atragoarse correndo o risco de que afogue, inda que cabería a posibilidade de que estivese adoecendo unha terrible dor de gorxa[2].

Figura 1
Fig. 1

Súa imaxe forma parte dun rico e expresivo capítulo, cuxos representantes ofrecen como punto de unión unha boca chamativamente aberta e o que podería chamarse a signe à l`orde du compagnon, que consiste en colocar a man dereita aberta, co polgar formando escuadra e arredor da gorxa. Este xesto relaciónase con certos rituais de masonería, no transcurso dos cales os candidatos aspiraban a converterse en membros do terceiro grao simbólico -o de mestre, os dous anteriores corresponden ao de aprendiz e oficial-. No curso da cerimonia que conmemora o asasinato de Hiram -o suposto construtor do templo de Xerusalén, personaxe ao que querían remontar a orixe da masonería- os candidatos eran golpeados cunha escuadra, símbolo da asociación, na gorxa.

Pero este signo, que os canteiros colocaron con frecuencia nos edificios, lembraba tamén a San Brais, un dos seus santos protectores, que tiña como especialidade as enfermidades de garganta. Nas gárgolas, este xesto podía evocar tanto aos canteiros como San Brais ou ao propio Adán, que gardaba no pescozo o recordo da mazá do pecado orixinal. En todos os casos invitaría a estar atento aos perigos do que pasa pola gorxa, xa sexan bocados, líquidos ou palabras[3].

 

Figura 2
Fig. 2

Outro bo exemplo sería a gárgola do dragón (fig. 3), o animal fantástico por excelencia, que vai pervivir no Renacemento e será un motivo habitual do grutesco. Continuará a significación do dragón medieval pero con cambios formais. Alusión ao mal, á deformidade e á oposición ao heroe como futuro vencedor do dragón e conquistador dos tesouros gardados por el[4]. Polo tanto, neste contexto, podería ter un significado de protección, protección á xente enferma que estaba no Hospital.

Figura 3
Fig. 3

Hai un tipo de gárgolas que se repiten en varias ocasións no Hospital, gárgolas co traseiro ao aire (fig. 4). Nestas gárgolas observamos unha actitude provocadora e en certo modo moralizante, que nos sorprenden no exterior do edificio. Posiblemente estean inspiradas no motivo central da táboa situada á dereita do “Xardín das delicias”, onde estoura a figura do ovo alquímico con cabeza de pensador, que desprende un flato fedento, para describir así a máis infernal das torturas. En todo caso, estes homes impúdicos e burlóns poden indicarnos, abertamente, que un corpo espido non sempre ofrece delicias ás concupiscencias desatadas[5].

Figura 4
Fig. 4

A maioría de historiadores da arte non terían reparo en admitir que os programas da portada, do corredor ou da capela do Hospital, estaban determinados de acordo cun simbolismo preciso que os responsables da institución confiaban logo aos artistas. Porén, este tipo de programación non parecía que concernise á totalidade do inmoble, e que as marxes, coma nos manuscritos, eran deixados á fantasía dos artistas. Deste modo daríase paso a un museo imaxinario de arte menor xurdida polo capricho do artista. Non obstante, respecto a isto convén ser precavidos. Pensar que detrás de cada imaxe atópase a testemuña dun mito, dunha tradición, dunha crenza ou dunha práctica popular, resulta, sen dúbida, esaxerado, porén privalas totalmente desta relación quizais sería caer no mesmo erro pero por defecto[6].

 

NOTAS AO PÉ

[1]A. Goy Diz, “A arquitectura. A súa plasmación espacial”, en J. M. García Iglesias (coord.), O Hospital Real de Santiago de Compostela e a Hospitalidade no Camiño de Peregrinación, (Catálogo de exposicións), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2004, p. 421.

[2] A. A. Rosende Valdés, El Grande y Real Hospital de Santiago de Compostela, Consorcio de Santiago, 1999, pp. 98-100.

[3] C. Gaignebet e J. D. Lajoux, Art profane et religion populaire au moyen âge, Société Française D`Arquéologie, Paris, 1985, p. 220.

[4] D. Herrero Fierro, Aproximación al estudio de las gárgolas de las catedrales góticas de Castilla y León, Universidad Complutense de Madrid, Madrid, pp. 67-69.

[5] B. Vázquez, Gorjeos de gárgolas, Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela, 1999, p. 7.

[6] A. A. Rosende Valdés, El grande y…, pp. 100-101.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *