A Segunda Guerra Mundial no cine soviético (II)

Roque Sanfiz Arias

Trala morte de Stalin en 1953, Khrushchev chegou ao poder e comezou un proceso de desestalinización. A industria cinematográfica fora un dos ámbitos onde se enxalzara a personalidade de Stalin.

A viraxe de timón de Khrushchev reduciu o control sobre o cine e o número de producións dentro da Unión Soviética medrou. O chamado período do ‘desxeo’ permitiu aos directores tomarse maiores liberdades no seu traballo, reflexándose tamén nas películas sobre a Segunda Guerra Mundial. Cando voan as cegoñas (Letyat zhuravli, 1957) de Mikhail Kalatozov e A balada do soldado (Ballada o soldate , 1959) de Grigori Chukhrai son as películas que trataremos hoxe.

Presentan dúas pequenas historias que teñen lugar durante a Segunda Guerra Mundial e serven para explicar a crueldade da guerra para os que loitaron e para a sociedade que esperaba o seu regreso.

Cando voan as cegoñas está protagonizada por unha parella separada por culpa da guerra. O xove Boris vai á fronte mentres Veronika permanece en Moscú. Nun dos bombardeos sobre a cidade Veronika perde aos seus pais e familiares e pasa a vivir coa familia de Boris. O irmán de Boris, un pianista que conseguira evitar a fronte, namorase dela e consegue facer que case con el.

Nun intento por axudar a un camarada tralas liñas inimigas, os alemáns matan a Boris. Todo un exemplo de solidariedade e sacrificio polos seus compañeiros. Veronika descobre que o irmán de Boris comprara un permiso especial para non ir ao exército e rompe a súa relación. Dáse conta de que abandonara a un heroe disposto a morrer pola patria por un traidor que nun exercicio de egoísmo mercara a dispensa do seu deber.

Nos momentos finais Veronika quere emendar o seu erro e agarda esperanzada pola volta de Boris da fronte. Os soldados regresados pronuncian alí mesmo un discurso apelando á paz e a evitar que ninguén teña que agardar esperanzado por quen non vai chegar.

A balada do soldado presenta un soldado novo que, tras desactivar dous tanques nazis na fronte, rexeita a medalla que ían outorgarlle a cambio dunha semana de permiso para visitar á súa nai e repararlle o tellado da súa casa.

Durante o traxecto ao seu pobo ofrece unha morea de exemplos da súa falta de egoísmo e do seu compromiso cos demais e coa súa patria. Axuda a veteranos, a outros soldados e a unha rapaza que viaxa ilegalmente e da que namorará. Finalmente logra chegar a tempo para abrazar á súa nai e volver á fronte. A nai é a mesma muller que ao comezo de todo, antes de comezar a trama en forma de flashback, agardaba ao carón da carreteira.

Ambas películas usan a imaxe do soldado novo que vai á guerra e deixa a alguén pendente do seu retorno, con esperanza de que se vai producir, malia que nos sabemos que non. Desta maneira refléxase o drama de millóns de mulleres rusas que perderon aos seus maridos ou fillos na guerra.

Son dous recordos a tódolos que se sacrificaron polo seu país, ben fose na fronte ou na retagarda. Ao mesmo tempo sinálase a aqueles que decidiron fuxir e antepuxeron o seu interese ao da patria.

A diferenza das películas tratadas no primeiro capítulo, estas dúas non precisan salientar a brutalidade alemá, non precisan recordar as causas da guerra e os motivos polos que era necesario loitar. Nos anos 50 o conflito está rematado e gañado e convén recordar grazas a quen foi posible a vitoria. O cine soviético convértese entón para reforzar o relato da guerra e para render homenaxe a quen se sacrificou pola causa. É un recordo ás persoas que deron a súa vida, ás que o perderon todo, ás que non puideron abrazar unha vez máis.

 

A imaxe de cabeceira é un fotograma de A balada do soldado.

Cando voan as cigoñas e A balada do soldado están dispoñibles en aberto no canal oficial de Mosfilm. en aberto en youtube.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *