De onde vimos e a onde imos

O arco de Mazarelos, esa única porta de acceso á cidade compostelá que se conserva na actualidade. Atravesándoo acadamos a Praza de Mazarelos, o espazo físico entre as facultades de Historia e Filosofía sempre ocupada por estudantes. E por último aparece eiquí a plataforma Mazarelos.gal, a cal busca recoller ese significado de entrada e de contacto nun portal que sirva para a publicación e difusión de coñecemento histórico, sen renunciar a outras disciplinas.

Cando escribimos esperamos que alguén nos lea ou, mellor dito, que poda chegar a lernos se lle interesa. Cando investigamos buscamos algún sitio onde atopar resposta ás nosas preguntas ou, simplemente, algún indicio. Na maioría de ocasións a suposta réplica dá lugar a máis preguntas. Estas son as motivacións principais polas que nace Mazarelos. Queremos ser un soporte onde publicar artigos que poidan ser lidos e un lugar onde propor respostas a preguntas que quizais non foran formuladas. Un campo de acción directa e multidisciplinar que aborde os baleiros que quedan na nosa historia.

Non pretendemos ser unha revista académica nin unha fonte de coñecemento a citar. O noso papel é máis ben complementario e accesorio. Queremos conectar a Historia e outras ciencias sociais cun público especializado e non especializado. Non estamos pechados a unha metodoloxía, temática ou época determinadas. Agora ben, cremos na necesidade de contidos lexítimos e rigorosos á vez que sinxelos e didácticos.

Un dos obxectivos que nos marcamos é lograr unha difusión a través das redes sociais que faga chegar o que escribimos a un público amplo e diverso. Perante a noción da Historia como memorización de datas e persoeiros, cremos que a Historia é moito máis que unha sucesión de capítulos inflexibles, onde o investigador/a das ciencias sociais se convirte nun mero narrador. A nosa intención é eliminar falsas crenzas a través dunha divulgación que permita formular novas preguntas a partir das nosas.

Pretendemos facelo a través de distintas canles e formatos, partindo do escrito pero tendo clara a utilidade do audiovisual. Outro obxectivo é lograr crear un ambiente de debate nos comentarios, malia que sexa dende a discrepancia ou o desacordo pois cremos na importancia do intercambio de ideas e a aprendizaxe entre todas e todos.

Buscamos que Mazarelos sexa unha ferramenta para nós pero tamén é a nosa maneira de contribuír á cultura. A lingua forma parte da nosa identidade, emporiso pensamos que a normalización do galego pasa polo seu uso en todo tipo de contextos, e este é un deles. A maior cualidade do ser humano é a creación, polo que dende este espazo animámosvos á colaboración. Non estamos eiquí para establecer limitacións nin criterios académicos definidos, senón para buscar unha comunidade entre aqueles que decidan contribuír na difusión e os receptores da mesma.

Por último, queremos agradecer todas as mostras de apoio e interese recibidas nestes primeiros días. Esperamos ser capaces de devolvelo apoio en forma de contido á altura. Valoramos enormemente o interese de aqueles que contactaron con nós para colaborar. Esta presentación é ao mesmo tempo a nosa declaración de intencións e unha chamada a quen se sinta identificado e queira formar parte do proxecto.

Un saúdo de parte de todo o equipo, e benvid@s!

2 comentarios en “De onde vimos e a onde imos

  1. Todo ben, pero hai que coidar o idioma. No título hai unha falta grave, a confusión da 1ª persoa do plural do presente de indicativo do verbo ir (que é “imos”) co imperativo “vamos” do mesmo verbo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *