“Nuestras vecinas de asiento”. Mulleres no deporte galego dos anos 20.

Un dos obxectivos do coñecemento histórico debe ser contribuír á perda de prexuízos ou, polo menos, á súa revisión. Un dos máis arraigados é o de Galiza como un territorio atrasado e inmóbil. A Historia social do deporte bríndanos unha boa oportunidade de constatar como a comezos de século, Galiza era partícipe das dinámicas europeas máis avanzadas. Neste caso farémolo a través dunha mirada ao local. As mostras tomadas de Fene e Ferrol poñen nomes propios a unha dinámica que se reproducía en todo o territorio galego.

A realidade da poboación móstrase no seu día a día. Se algo estaba cada vez máis presente, era o deporte. Tratábase dunha actividade practicada case sempre por homes pero na que as mulleres tamén participaron, en distintos roles. A finais do século XIX e comezos do XX a burguesía era a protagonista dos fenómenos deportivos que chegaron a Galiza. Un dos primeiros foron os paseos. Estaban moi ben considerados e eran unha boa oportunidade de socialización, mais non dispoñían do compoñente competitivo co que entendemos hoxe o deporte.

A competición deportiva chegou a Galiza da man doutras actividades, destacando nun primeiro momento o ciclismo e o remo. Nestas dúas disciplinas a presenza da muller está probada dende ben pronto. En 1885 El Correo Gallego relata como as rapazas acompañaban en bicicletas de dúas persoas aos “velocipedistas” durante as festas de Fene, unha poboación con 5000 habitantes daquela.

O mesmo xornal publica en 1893 unha serie de consellos hixiénicos para a práctica do remo entre os que se atopa a recomendación ás “muchachas” de usar corsé de banda, remos de pala costa e da necesidade de inspirar entre palada e palada. Grazas a estas testemuñas vemos como a muller non estaba excluída da actividade deportiva senón que a súa participación foi posible, precoz e habitual.

Nas escolas femininas ensinábase tamén educación física, centrada en ximnasia ao estilo sueco e cun marcado carácter hixienista. Unha de tantas testemuñas é a alusión á ximnasia da profesora fenesa Felicia Mato que no xornal agrarista local Cultura Campesina de agosto de 1917 explicaba:

“Respecto a la educación física he introducido recreos hacia la mitad de cada sesión, de duración variable, según el estado del tiempo y otras circunstancias, esparciéndose las niñas por los alrededores del edificio entregadas á sus juegos, unica gimnasia de que me he valido, gimnasia natural, reconocida hoy como más eficaz medio de educación física, volviendo a las clases con nuevos ánimos para reanudar alegremente la tarea interrumpida.”

Mestras locais e mulleres burguesas foron conscientes da necesidade de facer deporte dende ben cedo. A mestra Sofía Pérez, acompañada de Angelita Pardo, María Naveira e Asunción Badell formaban en 1920 a comisión organizadora dun “grandioso festival atlético” a celebrar na localidade. Resaltase no Correo Gallego que “ya no son solo los hombres los que despiertan iniciativas deportistas”, señalando a estas “señoritas” fenesas como exemplo a seguir.

O fútbol foi o deporte que máis medrou nas primeiras décadas do século, converténdose nos anos 30 nun fenómeno de masas. Nas súas bancadas reproducíase a estratificación da sociedade mediante a división en zonas de distintos prezos dos estadios.

Dentro do terreo de xogo eran os homes quen o practicaban mais nas bancadas a presenza femenina era frecuente. En 1919 o cronista de El Correo Gallego fala da “amigable charla con nuestras vecinas de asiento” durante un partido en Ferrol. O fútbol pasou a formar parte das actividades de socialización xunto a outras máis tradicionais como bailes ou romarías. Os estadios brindaban unha oportunidade extra para flirtear. Por tanto, as mulleres que acudían aos estadios non eran só “mulleres de” senón tamén rapazas xovenes solteiras. A afección en Ferrol medraba nestes anos entre “el bello y gentil mujerío ferrolano, que es tan aficionado al football”. Elas tamén se desprazaban en lanchas ao veciño pobo de Fene para a inauguración do seu campo de fútbol en 1920.

Nestes anos un partido estaba rodeado de actividades musicais e festivas que eran incluso máis importantes que o propio encontro. No seu conxunto constituían unha especie de “romaría deportiva” na que as mulleres se encargaban dos espectáculos musicais e de danza. Porén, no transcurso dos partidos elas mesturábanse nas bancadas dende onde animaban aos seus xogadores.

O deporte foi unha actividade de prestixio, viña das áreas cosmopolitas europeas e gozou dunha boa acollida en Galiza. Primeiro foi a burguesía e máis tarde as clases populares tomárono como seu. A expansión interclasista foi paralela dunha expansión entre o xénero feminino. Nos comezos non tan importante en canto á práctica como en canto á asistencia e incluso organización como puidemos ver.

A contemporaneidade da expansión deportiva europea e galega, a asunción de hábitos modernos no rural e a participación de mulleres no deporte son tres realidades que contradín a idea dunha Galiza allea ás novidades e atrapada no Antigo Réxime.

Fotografía de portada: Espectadoras en Riazor en 1920. Tomada dos fondos dixitalizados do Arquivo do Reino de Galicia, sinatura 2463 ARG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *