‘O galego’ no mundo. A Festa dos Chicahuales. Xustaposición cultural a partir do Santiago Apóstolo.

David Miguel Rodríguez Martínez

A mal denominada “descuberta” de América salientou unha serie de individuos do sur peninsular, mais haberá un elemento senlleiro neste proceso que está vencellado á nosa terra: o Santiago Apóstolo e a súa instrumentalización para desenvolver non só unha guerra militar senón tamén relixiosa. A miña estancia o pasado ano no estado de Aguascalientes, México -territorio da antiga Nova Galicia- permitiume comprender até que punto se produciu unha auténtica xustaposición cultural entre os eidos autóctonos precolombinos e esa dominación que o cristianismo impuxo entre a sociedade novohispana. Emporiso nesa aventura nas Américas na que estaba mergullado, achegueime a unha festividade nun pequeno municipio de Aguascalientes, Jesús María. Esta é a festividade popularmente coñecida coma dos Chicahuales, unha representación de tastoanes na honra do apóstolo Santiago na que puidemos ver todas esas propostas teóricas materializadas nunha marea de cores e disfraces que combinaban tradicións de ambos mundos.

img_20180126_120258
“Retablo do Templo Xesús Nazareno, Jesús María”.

O municipio de Xesús María, localizado no norte da cidade de Aguascalientes, consta dunha poboación que ronda os 100.000 habitantes para un territorio que ocupa arredor de 500.000 km². O pobo de Xesús María foi a terceira comunidade indíxena establecida en Aguascalientes, outorgándolles finalmente este nome trala sustitución do termo orixinal Xonacatique, que significaría “lugar das cebolas”. O centro deste pobo sería o Templo del Jesús Nazareno, localizado na praza principal, o seu culto foi rendido tanto ao Santiago Apóstolo como ao Xesús Nazareno, establecéndose aquí unha dicotomía interesante. Por moito que o templo esté venerado cara a figura de Xesús por parte da Igrexa, chama a atención o apego sociocultural das súas xentes á figura do Santo Santiago, destacado especialmente pola festividade sinalada anteriormente.

Según Victor Solís, esta celebreación sería prohibida nun plazo de tres a catro anos, tomando como data inicial o ano anterior ao inicio da Revolución Mexicana segundo o Diario El Clarín. Citándoo textualmente, atopamos neste que “no fueron ya los famosos chicahuales los que divirtieron a los paseantes; pues sabido que tal pantomima indiana, por orden de la autoridad y de acuerdo con el buen criterio de la Iglesia Católica, quedó suprimida hace varios años por el carácter fanático que ofrecía”. Presentamos entón a máis senlleira expresión desta festividade, a Danza de los Chicahuales, como unha celebración de corte popular moi arraigada na identidade territorial de Xesús María que ben pode reflictir o proceso de mestizaxe cultural. Neste caso, a excepción reside en que a realidade popular está fortemente apegada á figura do Santo, frente ó descontento eclesiástico, máis conservador en canto ao seu pensamento teolóxico por riba da tradición, que incita á veneración simbólico-relixiosa en vez da festividade que se leva a cabo.

J. Natividad Martínez, cronista vitalicio do pobo -ao que tivemos á oportunidade de entrevistar- comentounos que a vinculación entre o Santo Santiago e o pobo era tal, que antigamente a figura vestía todos os días un sombreiro de charro, amosando así o carácter popular e a xustaposición cultural entre os factores máis inflexíbeis do cristianismo e o apuntamento, neste caso, popular.

Trala conversa, asistín ó Templo para ver a actual figura do Santo Santiago cos meus propios ollos. Os operarios do espazo relixioso tiveron a amabilidade de descender a figura do retablo da Igrexa para que puidese contemplala óptimamente. Trátase dunha figura exenta de pequenas dimensións no Santiago Matamoros ecuestre, amosando o tradicional animal nobre en lugar da violenta imaxe que o Santiago Mataindios adoitaba enseñar. O Santiago viste de branco -símbolo de pureza- e porta no seu peito unha cruz vermella. Ca súa man esquerda suxeita as rendas do cabalo, namentres empuña unha “cuchilla” ca dereita por riba da súa cabeza. Por último, unha capa de cor vermella descansa sobre os seus ombros, así coma un sombreiro metálico que substitúe o sombreiro charro. O cabalo sostense sobre as patas traseiras, posto que a dianteira descansa no aire mentres a esquerda permanece aspostada sobre a espalda dunha figura que emerxe do chan, a cal porta un típico turbante mourisco. Até eiquí non parecería que a figura saia da norma xeral, pero veremos como na festividade e na súa adoración os elementos voltan a mesturarse.

A Danza de los Chicahuales consiste na Transformación do Santo Santiago, enviado dende os ceos co obxectivo de finalizar a guerra entre mouriscos e cristianos. Debido a que o rei dos cristiáns se atopa ferido de gravidade, o Apóstolo sanará a este personaxe e auxiliará ó seu exército, o dos chicahuais, para derrotar ás forzas mouriscas. Coma Deus lle encargara a tarefa de rematar ca guerra -non a de axudar aos cristiáns- outorga vida aos mouros. O resto de días desta celebración que comeza tamén o 25 de xullo, chicahuales e mouros festexarán, realizando as súas famosas pillerías e entrechocarán espadas a forma de celebración, non de batalla.

Nas representacións vemos como as características prehispánicas aparecen habitualmente nas vestimentas ou representacións dos inimigos dos cristianos -en Tonalá, vila non moi lonxana no veciño estado de Jalisco e tamén territorio da antiga Nova Galicia, os Tastoanes portaban faccións antropomórficas e zoomórficas á par-, mentres que eiquí o exército chicahual é o que derrota aos mouros, aínda que este non sexa de todo finado. En canto ás vestimentas, en Jesús María todos os personaxes portan máscaras elaboradas de madeira a excepción do representante do Santo Santiago, a cabalo e co rostro descuberto. Outro elemento propio desta festividade é a Vella dos Chicahuales -moitos investigadores apostan, grosso modo, que se trata dunha referencia a Toci, do panteón azteca-, a cal é unha muller xove que viste con roupaxes albinos e sombreiro de segador, a cal ingresa a lombos dun burro repartindo tacos e tortillas aos chicahuales que apoien ó Santo.

En canto ás actividades, notorias son as palabras que o cronista Natividad Martínez brindounos na nosa conversa sobre o asunto, asemade a miña propia testemuña nesta festividade. O cronista presenta aos chicahuales coma os traviesos da festa, que ocultan o seu rostro para argallar todo tipo de pillerías entre eles mesmos e o resto dos asistentes, xa sexan veciños da vila ou asistentes foráneos. Na súa versión máis amábel, saltarán enriba dos charcos de chuvia -normalmente a festividade é acompañada de chuvascos pola época de tormentas- bañando aos participantes próximos e, na súa versión máis rebelde, golpearán á xente cas súas cuchillas de madeira que simulan unha espada. Coméntanos tamén o cronista que “se tapa la cara con máscara de cartón o madera, color de rosa y cachetes colorados, patillas y bigotes muy negros, todo muy brillante, en su máscara esconde su cara y sus travesuras, pero yo se que es Sebastian”. Unha breve descripción da súa indumentaria sería o manto branco, o sombreiro luminoso e colorido feito de palma, huaraches de correa e unha faxa vermella.

Chegando ó final da festividade, a idea xeral desta celebración retumbaba na miña cabeza coma se fose algo coñecido. Enmascarados falcatrueiros que golpeaban á xente, e inmediatamente tendimos unha ponte entre a Nova Galicia e a Galicia peninsular, máis concretamente Ourense. Pode ser unha casualidade, xa que as diferencias son plausibles, pero unha veloz vista subxectiva polos entroidos galegos trasladoume a Verín e os seus Cigarróns. Estes popularmente recorren as cales e camiños da veciñanza, visitando as casas e locais públicos onde son obsequiados. Esta primeira actitute evocounos a aqueles anos nos que os chicahuales pedían disfradas a colleita polos diferentes ranchos segundo Victor Solís, o cal entrevistara a unha veciña de Jesús María de avanzada idade de nome Merced Guiterrez, á cal lle contaba ao antropólogo hidrocálido como nos tempos dos seus avós os chicahuales saían a realizar unha colecta polos distintos ranchos vestidos e, a cambio, lles entregaban herbas medicinais. Na actualidade, o Cigarrón debe camiñar a saltos repartindo zurriagazos a todo aquel que se lle cruce no camiño, incluso perseguindo a aqueles que o insultan ou tratan de quitarlles a súa máscara para revelar a súa identidade namentres portan chamativas roupaxes. Incluso os “cachetes colorados” que o cronista menciona invita a pensar que posuían popularmente as meixelas pintadas igual que os cigarróns.

Unha festa dicotómica, na que se loita entre o carácter simbólico-relixioso e o popular, até unha clara vantaxe do carácter identitario instrumentalizando á figura do Santiago Apóstolo, imaxe popular que arraigou fortemente nesta nova sociedade representante desta xustaposición cultural. Un feito que un pensaría sen precedentes, pero que se extende por toda a superficie latinoamericana a través de todo tipo de representacións. Unha realide que levou a un galego a comprobar como aspectos tan fortemente vencellados á súa terra discorren polas diferentes culturas do mundo. Un camiño invertido, pero un resultado similar: a introdución do pensamento indíxena a través do Santiago invertido co paso do tempo hacia a defensa dos mexicanos contra os gachupines, o desenvolvemento mestizo cultural que volve a coñecer as súas orixes, e a proposta na que estas oríxenes deron a coñecer a xustaposición neogalega, ubicando a todos e todas as participantes desta festividade a máis de nove mil kilómetros de distancia a cidade de Santiago de Compostela e á sociedade galega no mapa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *