A nación no día a día: Nacionalismo Banal de Michael Billig

Michael Billig é un profesor de ciencias sociais británico que se formou na Universidade de Bristol como psicólogo social experimental. En 1985 pasou a ser profesor de ciencias sociais na Universidade de Loughborough ao mesmo tempo que forma parte do Discourse and Rethoric Group que analiza o uso da linguaxe na sociedade.

O seu principal campo de investigación é a psicoloxía social e todo o relacionado coas identidades sociais. Dentro da súa produción hai estudos sobre a psicoloxía detrás do fascismo en Gran Bretaña nos anos setenta ou sobre a súa ideoloxía. Máis tarde, centrou os seus esforzos en establecer relacións entre o sentido común, a forma de expresarse das persoas e a súa ideoloxía. Nos seus traballos recorrese ás ciencias políticas, á socioloxía e tamén á historia.

Nacionalismo Banal é un exemplo da mestura de instrumentos diversos pero non excluíntes. Trátase dunha das súas obras mais recoñecidas e con mais repercusión no ámbito académico. Foi publicado en Inglaterra no ano 1995. Dous feitos que son apreciables pois enmarcase nunha época de cambios e de novas teorías previa ó cambio de século e por outra parte é notable a influencia da bibliografía británica e as referencias á sociedade Inglesa.

Pese á mirada anglosaxoa, cita persoas de múltiples procedencias e campos.  Hai mencións a autores dos Annales como Le Roy Ladurie, Marc Bloch ou Fernand Braudel, pois estes aplicaron a semiótica nalgunhas das súas obras. Tamén cita a paradigmas da propia semiótica como Roland Barthes e Umberto Eco. É fundamental a súa traxectoria como psicólogo social pero non escapa das consideracións históricas nin de establecer relacións coa filosofía pois serven de axuda para fundamentar a súa teoría.

O concepto central do libro é o de “nacionalismo banal”. Primeiramente, o autor introduce a súa concepción do mundo contemporáneo; un mundo modelado a través dos estados-nación que forman unha ideoloxía global á que é difícil atopar zonas que se resistan. Analizando o discurso político e da prensa, Billig alértanos de como hoxe en día o nacionalismo é presentado como un sentimento exótico e irracional que non ten cabida nos estados occidentais plenamente establecidos.

Baixo o seu punto de vista o nacionalismo está presente nas nosas vidas mais non en termos de ostentación nacionalista. Está presente pola asunción no “sentido común” da ideoloxía nacionalista e da súa terminoloxía. Citando ao pensador inglés Terry Eagleton, Billig explica que “las ideologías son patrones de creencias y de prácticas que vuelven «naturales» o inevitables las disposiciones sociales vigentes”.

Tomando esta definición de ideoloxía, o nacionalismo e o mundo dos estados-nación aparecen como naturais na nosa época. Segundo Billig, o nacionalismo sería unha ideoloxía profundamente estendida. É frecuente o uso de termos como “patriotismo” ou “sociedades” que segundo el virían a ser eufemismos do termo nación que “pasan por alto el objeto al que se guarda «lealtad» o con el que se manifiesta «identificación»: el estado-nación”.

O establecemento do mundo dos estados-nación non tería sido posible sen lexitimarse en elementos como as tradicións inventadas. Baseándose na teoría enunciada por Eric Hobsbawn en “The Invention of Tradition” (1983), as nacións crearon tradicións supostamente orixinadas nunha época moi antiga.

Usa a Idade Media como contraposición á era Moderna para facer ver que cousas que consideramos “naturais” non son mais que produtos da era moderna. No caso das linguas cita os estudos de Le Roi Ladurie sobre Montaillou para explicar como no século XIV non había unha idea de fronteiras lingüísticas senón unha certa continuidade. Serviría como resumo da súa argumentación acerca das linguas a idea de que “el campesino medieval hablaba, pero la persona moderna no puede simplemente hablar. Nosotros tenemos que hablar algo: una lengua.”.

Fundamentándose nesta serie de elementos di que o nacionalismo impúxose ao redor de todo o globo como o sistema imperante ate hoxe en día, superando outras ideas ás que subxugou.

“El liberalismo y el marxismo se han visto limitados desde el punto de vista territorial, como también la cristiandad o el islam en la Edad Media, pero el nacionalismo es una ideología universal. El sistema de estados-nación detesta el vacío territorial; todo espacio debe estar cercado por unas fronteras nacionales oficiales. En este sentido, la propia conciencia delimitadora del nacionalismo no ha conocido frontera alguna en su victoria histórica.”

A implantación dos estados-nación trouxo consigo o que sería a segunda das ideas principais que trata o libro: as identidades e os símbolos nacionais. Froito da súa especialización no tema das identidades e na psicoloxía social Michael Billig presta atención a este tema dedicándolle un capitulo enteiro á aparición das identidades nacionais e a súa implantación no mundo dos estados-nación.

Para exemplificar como as identidades nacionais son algo moi recente, Billig faise eco dos traballos do sociolingüista americano Joshua Fishman quen a través duns estudos sobre uns campesiños do oeste da Galitzia centroeuropea (da que xa falaremos) a comezos do século XX deuse conta que estes non atendían a ningunha identidade nacional senón que a súa identidade estaba “con esta aldea o con este valle, más que con una idea de nación, más abstracta”.

Aludindo á teoría da “identidade social” de Henri Tajfel, Billig di que as nacións serían unha forma de identidade grupal como pode ser pertencer a unha relixión, un gremio profesional, un grupo de clase etc.. Segundo a teoría estas agrupacións son imaxinadas de maneira similar.

Para Billig non é así senón que as identidades nacionais a parte de necesitar que os individuos se sintan membros dunha nación deben imaxinar que é a nación. Utiliza aquí a teoría das “comunidades imaxinadas” de Benedict Anderson para explicar como as identidades nacionais máis que expresarse con un “eu”, fano con un “nós”.

O uso do “nós” é exemplificado en múltiples ocasións por Billig usando os discursos do que fora primeiro ministro británico John Major. Un “nós” co que se refería á comunidade inglesa que se opoñía ao “eles” que eran o resto das nacións. A análise dos discursos mediático e político é unha ferramenta básica para construír a teoría do Nacionalismo banal.

Nas sociedades contemporáneas, o nacionalismo é chamado patriotismo entendéndoo como algo diferente e libre da carga negativa que hoxe se lle atribúe. O patriotismo so sae á luz cando a patria se ve ameazada ou en datas sinaladas, normalmente aniversarios de grandes batallas ou da propia fundación da nación.

Para Billig, o nacionalismo hoxe adopta formas mais banais que fan que pase desapercibido no día a día dos cidadáns pero que, ao mesmo tempo, este presente e recorde a todos onde viven e cal é a súa nación. O carácter banal vén do feito de non ser destacadas e non prestarlles atención.

O exemplo principal é o das bandeiras. Unha bandeira enarborada ferventemente nun acto político ou nunha manifestacións soe ser considerada como unha actitude nacionalista.  Unha bandeira pendendo dunha hasta nun edificio público pasa desapercibida no día a día, pero recórdanos indirectamente onde vivimos e cal é a nosa “patria”. Da mesma maneira pode observarse un discurso nacionalista nos políticos ou na prensa que utilizan unha “deíxe nacional” omitindo poñerlle nome á “nosa” nación pois sobreentendese.

O posmodernismo como teoría tamén é tratado polo autor presentando as súas principais argumentacións que virían a ser contrarias ó nacionalismo banal. Billig presenta o paradoxo de que na retórica do posmodernismo e da filosofía da pax americana o nacionalismo segue presente.

A súa achega ao tema de maneira empírica é xa de por si particular nun tema no que abundan as macro teorías. Ao ser posible observar no noso ámbito exemplos do nacionalismo banal, fomenta a creación de bibliografía dedicada a analizar situacións en diferentes partes do mundo partindo das súas premisas como por exemplo en Cataluña ou máis recentemente en España[1].

Porén, esta teoría non estivo exenta de críticas por parte doutros autores que lle ven certas limitacións. Cuestionan, por exemplo, o feito de que os medios de comunicación se dirixan a audiencias nacionais e non a grupos mais concretos de poboación con intereses concretos. [2]

Sexa como fora, trátase dun libro interesante a ter en conta pola cantidade de respostas que está xerando debido á máis recente tradución ao castelán (2014) e por ser un concepto de absoluta actualidade.

 

A obra reseñada é:

Billig, M. (2014). Nacionalismo banal (Ricardo García, trad.). Madrid: Capitán Swing. 327 páxs. (Obra orixinal publicada en 1995).

____________________

[1] Véxase Crameri, K. (2000). Banal Catalanism?, National Identities, 2(2), pp. 145-157 e Quiroga, A. e Archilés, F. (eds.) (2018). Ondear la nación. Nacionalismo banal en España. Granada: Comares.

[2] Véxase Skey, M. (2009). The national in everyday life: A critical engagement with Michael Billig’s thesis of banal nationalism. The Sociological Review, 57(2), pp. 347-352.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *