¿Podemos rir co Holocausto?

A representación do Holocausto nas pantallas de cine responde á necesidade de “recordar sen propagar e perpetuar sen perpetrar”, segundo Eliette Abecassis. Unha maneira de facelo é a través dos documentais. Nuit et Brouillard de Alain Resnais ou Shoah de Claude Lanzmann son dous dos principais expoñentes deste xénero que mediante imaxes reais do campo de Auschwitz ou conversas con vítimas do Holocausto tratan o tema sen ánimo de crear unha ficción.

Cabe entón ter en conta a reflexión que fai Álvaro Lozano no seu libro El Holocausto y la cultura de masas (2010). Preguntase se o crecente interese no Holocausto supón un avance na súa memoria, contribuíndo á concienciación sobre o tema, ou se trata simplemente dun interese que non fai mais que banalizalo exhibindo feitos por puro morbo e permitindo a empatía coas personaxes equivocadas.

O propio autor fai unha reflexión sobre a “canonización” da representación do Holocausto no cine:

“Spielberg ha realizado una película sobre el holocausto en la que prácticamente todos los judíos sobreviven, el nazi resulta ser un hombre bueno y la naturaleza humana muestra su lado más positivo” 

Alén deste problema aflora o doutro tipo de representacións máis “transgresoras”: as comedias. O tratamento do Holocausto a través do humor presenta un debate sobre as liberdades artísticas e a utilidade do humor como ferramenta de crítica. Dous exemplos son La vida es bella de Roberto Benigni (1997) e El tren de la vida de Radu Mihaileanu (1998).

Mihaileanu pretende presentar o humor como característica do pobo xudeu en contraposición coa seriedade alemá. O humor foi destacado mesmo por algúns supervivintes como unha maneira de sentirse vivos e non perder a cabeza en momentos tan traumáticos.

“o yiddish é o alemán sumándolle o humor, unha parodia”

A comedia pode, neste caso, provocar no espectador unha reflexión. A risa é case involuntaria e pode estar producida polas máis ridículas situacións mais detrás da risa instantánea pódese abrir unha reflexión sobre o porqué da gargallada.

Mais a trivialización e a ofensa ás vítimas son perigos máis que evidentes. Cómpre preguntarse se non é tamén ofensiva a creación dunha ficción que presenta os feitos de maneira “realista” pero dulcificándoos para unha audiencia que precisa dun final feliz.

É por isto que debemos plantexarnos a pregunta de si é mellor unha ficción que podemos crer como verdade, aínda que se acerque mais á realidade, ou unha ficción que xa tomamos como falsa que acepta a imposibilidade de representar un suceso como o Holocausto tal e como foi.

O chamado “shoah-business” pode que sexa o verdadeiro perigo pois clamando manter viva a memoria do Holocausto non fai mais que convertelo nun produto de consumo mais, exento de reflexión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *